Gonzalo Caballero sinala o PSOE como a "mellor garantía" para impulsar o rural

Lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobou recentemente un Real Decreto que dá aos produtores lácteos a posibilidade de traballar e organizarse de forma colectiva para negociar os prezos.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 15/04/2019 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que un goberno socialista é a "mellor garantía" para darlle un "impulso" ao medio rural galego fronte a unha Xunta de Galicia que se caracteriza polo "abandono" deste sector.

O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito durante unha visita realizada este luns a unha explotación gandeira de Lalín (Pontevedra), un acto no que estivo acompañado polo candidato socialista á Alcaldía, Román Santalla.

Na súa intervención, Caballero asegurou que tivo que chegar un goberno socialista para "empezar a dar pasos" a favor do medio rural galego fronte a unha Xunta gobernada polo PP que, a pesar de prometer que esta sería a "lexislatura do rural", converteuna na "lexislatura do abandono do rural".

Deste xeito, lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobou recentemente un Real Decreto que dá aos produtores lácteos a posibilidade de traballar e organizarse de forma colectiva para negociar os prezos para que "non sexan posicións individuais superadas por parte das grandes canles de distribución".

Nesta liña, sinalou que o Partido Socialista seguirá "buscando mecanismos" que permitan que os ingresos que cheguen ás explotacións sexan "máis acordes" coas necesidades que hai, así como para reducir os custos de produción.

COMPROMISO COA PAC

Nunha visita na que agradeceu o compromiso do aspirante á Alcaldía de Lalín, Román Santalla, co medio rural, Gonzalo Caballero aproveitou para destacar tamén o "importante" traballo que desempeñará o lalinense Nicolás González --aspirante do PSdeG ao Parlamento europeo-- nas negociacións da Política Agraria Común (PAC).

"O PSOE vai presentar ás eleccións europeas unha magnífica candidatura que vai ter a un galego en postos de saída, Nicolás González, que está chamado a facer un traballo moi importante a favor do medio rural e naquelas cuestións comunitarias que tanto afectan os gandeiros", sinalou.

Así, tras asegurar que o Goberno de Sánchez "en 10 meses" converteu a PAC nunha "cuestión de Estado", considerou necesario garantir que os orzamentos desta para o período 2020-2027 "non caian" e conten coa "suficiente dotación" tanto para que os cidadáns que viven no rural "teñan unha calidade de vida" como para que sirvan para "equilibrar o territorio".

Por todo iso, Gonzallo Caballero defendeu un medio rural "vivo, revitalizado" que teña posibilidades para dar aos galegos "medios de vida, salarios e ingresos dignos que lle garantan a igualdade con aqueles cidadáns que viven nas cidades".

"Unha páxina enteira do New York Times --publicada este fin de semana-- facía referencia a como aldeas galegas podían ser compradas", lembrou o dirixente socialista para asegurar que esta publicación produce "unha sensación de rubor" ante o feito de que se compren aldeas "enteiras" porque "non hai actividade económica nin social" nelas.

REIVINDICACIÓNS DO CANDIDATO MUNICIPAL

Pola súa banda, Román Santalla aproveitou a visita de Gonzalo Caballero, que coincide coa campaña electoral para as xerais, para avanzar que o seu proxecto municipal incluirá reivindicacións para garantir un prezo "digno" para o leite, así como que as explotacións agrícolas poidan facer un aproveitamento integral da enerxía solar.

Todo iso nunha intervención na que afeou a xestión da Consellería de Medio Rural das políticas de concentración parcelaria que en Lalín, segundo indicou, "levan 30 anos sen acabar".

Rural.- 28A.- Gonzalo Caballero asegura que un goberno do PSOE é a 'mellor garantía' para dar 'impulso' ao rural. PSDEG
Rural.- 28A.- Gonzalo Caballero asegura que un goberno do PSOE é a 'mellor garantía' para dar 'impulso' ao rural. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta