Feijóo di que o PP é o "único que defende o rural" fronte a quen fala de catastrofismo

Cre que un Executivo que goberna "co populismo e o nacionalismo e arrisca miles de posto de traballo non pode defender o rural"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2019 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "ante os que falan con catastrofismo e superficialidade", o PP é o "único que cre e defende o rural", polo que afirmou que "o que menos necesita a España baleira son palabras baleiras".

Así o sinalou Feijóo este luns nunha visita a unha explotación gandeira en Lamaboa (Lugo), onde destacou que, "a diferenza do resto de formacións para os que o rural é un mero trámite", o PP conta cunha axenda do rural "completa, con propostas detalladas e concretas".

Neste punto, tamén cargou contra o Goberno de Pedro Sánchez. "Un Executivo que goberna directamente co populismo, o nacionalismo e o independentismo; que arrisca o emprego das familias que traballan en Ence e das que venden madeira en Galicia; ou que cambia o regulamento de costas ameazando edificacións, depuradoras, colexios, cetarias, fábricas de conservas ou 3.500 explotacións de bateas, non pode defender o rural", lamentou.

Ademais, o presidente popular apuntou que, ante as dificultades deste ámbito, o PP "é a única formación que ten respostas". Así, dixo que para atallar o problema demográfico é necesario un modelo de financiamento que prime a dispersión e o envellecemento de lugares como Galicia e unha política fiscal que priorice vivir no rural.

XESTIÓN DE CRISES AGRARIAS

Do mesmo xeito, avogou por unha lexislación que dea prioridade ás tramitacións das industrias que se queiran implantar no rural, así como por un plan para a xestión das crises agrarias e a estabilización das rendas, polo acceso a Internet e "porque o interior de Galicia estea no mapa coas mesmas infraestruturas que outros lugares de España".

Feijóo recalcou que o futuro do rural "tamén se xoga nas institucións comunitarias", por iso é polo que, ao seu xuízo, "sexa fundamental" un goberno "forte" e que saiba negociar con Europa e non "un goberno monicreque que para gobernar necesite dos independentistas e dos nacionalistas".

ADN DE GALICIA

Para o líder popular, o rural está no ADN de Galicia e "vai seguir marcando o futuro da Comunidade". "É posible conxugar rural e futuro", engadiu. Así, "fronte aos que o desprezan, din que non hai expectativas e só sábenlle atribuír estereotipos", Feijóo fixo fincapé en que o PP "está disposto a seguir traballando por el" e que "aposta por políticas que atraian cada vez máis xente a vivir no rural e do rural".

Neste sentido, asegurou que o Goberno galego "demostra con feitos" que é unha "garantía" para o rural, "ao destinar recursos a axudar as familias con fillos, a loitar contra o despoboamento, ao atraer emprendedores, ao mellorar a rendibilidade das explotacións e ao potenciar o rural como lugar apto para novos sectores".

Rural.- 28A.- Feijóo di que 'ante os que falan con catastrofismo', o PP é o 'único que defende o rural'. PARTIDO POPULAR
Rural.- 28A.- Feijóo di que 'ante os que falan con catastrofismo', o PP é o 'único que defende o rural'. PARTIDO POPULAR | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta