Pontevedra xa ten outro espazo natural protexido

Trátase do río Gafos que é desde este luns Espazo Natural de Interese Local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde pola que se declara como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) o río Gafos, polo convértese así no cuarto espazo natural deste tipo de Galicia.

Con esta figura de protección, o Concello de Pontevedra, promotor da solicitude e responsable da súa xestión, asume o compromiso de pór en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa. A declaración tamén lle dá preferencia no acceso e a obtención de axudas destinadas a garantir a súa preservación e mellorar a xestión desta zona.

Así mesmo, tal como asegurou a Xunta nun comunicado, este luns tamén se publicou o decreto polo que se aproba o Plan de Conservación do ENIL Río Gafos, un documento preceptivo e imprescindible para poder obter a declaración definitiva e que foi elaborado polo Concello de Pontevedra para xestionar este espazo por un período inicial de 10 anos.

Ademais, o plan de conservación do río Gafos inclúe a posta en marcha doutras medidas concretas como, entre outras, a eliminación de especies exóticas invasoras e a mellora do bosque de ribeira.

NIVEIS DE PROTECCIÓN

Con respecto aos niveis de protección, no plan de conservación do río Gafos o ENIL aparece dividido en tres partes: en primeiro lugar, a zona de uso especial, que son terreos privados que ocupan a maior parte do espazo e na que queda limitado o acceso público unicamente aos propietarios ou persoas autorizadas por estes.

En segundo lugar, a zona de uso moderado, que son áreas dominadas por un ambiente natural en que a conservación dos recursos é compatible co lecer e outro tipo de actividades de uso público, polo que se permite o acceso libre. E en terceiro lugar, a zona de protección, que está sometida ás máximas limitacións e pechada para o uso público para garantir o obxectivo prioritario de conservación do espazo natural.

O ámbito do ENIL Río Gafos confórmase ao redor do río que leva o mesmo nome e ocupa unha extensión de 49,8 hectáreas localizadas na súa totalidade no ámbito do núcleo urbano de Pontevedra.

O río Gafos convértese así no cuarto ENIL de Galicia, xunto cos de Xunqueira de Alba, tamén en Pontevedra, Loio-Ruxidoira, no municipio lucense de Paradela, e Puzo do Lago, localizado en Maside (Ourense).

Río Gafos, en Pontevedra
Río Gafos, en Pontevedra | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Enil

Hai máis eniles en Galiza que 4. Por exemplo Illas de San Pedro no concello da Coruña