Sete millóns para os servizos sociais de municipios con menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña

Este incremento do orzamento ten o fin de "mellorar a calidade do servizo, ao incluír por primeira vez o financiamento de persoal administrativo adscrito e establecer un prezo de 12 euros por hora para a axuda social básica no fogar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña destinará este ano case sete millóns de euros ao financiamento dos servizos sociais a través dunha liña de axudas da que se beneficiarán todos os municipios de menos de 20.00 habitantes, un total de 83 na provincia, segundo publicou este martes o Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Así, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o "importante" esforzo investidor que realiza a administración para axudar a manter "un servizo público esencial" como os servizos sociais e os servizos de asistencia no fogar dos pequenos concellos coruñeses.

Neste sentido, subliñou o "gran traballo" levado a cabo pola área de Benestar Social e lembrou que o Goberno provincial incrementou esta liña de catro a sete millóns de euros "para dar o mellor servizo e atender ás persoas que máis o necesita", permitindo á cidadanía "contar con servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan".

Este incremento do orzamento ten o fin de "mellorar a calidade do servizo, ao incluír por primeira vez o financiamento de persoal administrativo adscrito e establecer un prezo de 12 euros por hora para a axuda social básica no fogar", segundo destacou a Deputación nun comunicado. "A convocatoria para os servizos sociais municipais é un dos alicerces da nosa área e é fundamental para estar preto da xente que máis o necesita", apostilou a deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco.

CONCELLO DE ZAS

Por outra banda, a Deputación da Coruña investirá máis de 94.000 euros para a renovación de beirarrúas na parroquia de Baio, no concello de Zas, para o financiamento dun proxecto que conta cun orzamento de máis de 117.890 euros.

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño, asinaron este acordo polo que a Deputación se compromete a pagar o 80% do gasto da renovación das beirarrúas en Baio, na C-552, que circula da Coruña a Fisterra. Ademais da mellora das beirarrúas, o proxecto inclúe a substitución da rede de saneamento existente por unha rede separativa de fecais.

Deputación da Coruña destina sete millóns aos servizos sociais dos municipios de menos de 20.000 habitantes. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
Deputación da Coruña destina sete millóns aos servizos sociais dos municipios de menos de 20.000 habitantes. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta