As noticias da Galiza paralela

Unha colección de novas inventadas para intentar que nos fagamos unhas risas, porque a negra realidade nunca debe roubarnos a rabia, pero tampouco o humor.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 15/12/2011

Comparte esta noticia

(ADVERTENCIA: Resulta evidente, pero por se alguén non se decata, as novas que van ler son falsas e están escritas en clave de humor, ou iso se intentou. Ás veces fixéronse con todo o cariño do mundo cara os seus protagonistas, ás veces con todo o contrario. A quen lle senten mal, que llo faga mirar.)

Na Galiza paralela pasan cousas como estas:

-Antón Reixa presentará a súa candidatura a Rei de España 
“A imaxe da institución monárquica está moi desprestixiada tras os últimos acontecementos pero creo que eu podo limpala”. Con estas palabras, o artista multimedia vigués confirmou a súa intención de ocupar o trono no que agora senta Juan Carlos I. Malia que Reixa non dou a coñecer os integrantes da súa casa real, coméntase con forza a posibilidade de que Teresa Táboas e Yolanda Castaño fagan de infantas. Antón Losada sería o dobre ese que teñen todos os reis para enganar aos francotiradores ou mirar que a comida non estea envelenada.

-Feijóo ficha como tertuliano de Sálvame
Logo de ver como a súa presenza mediática en Madrid reducíase notablemente nos últimos meses ante o pulo de novos dirixentes como Dolores de Cospedal ou incluso agora Xosé Manuel Barreiro, o presidente da Xunta intenta recuperar terreo e tomou a drástica decisión de fichar como tertuliano fixo de Sálvame, o agresivo programa de 'cotilleo' de Tele5. “Creo que domino o xénero rosa bastante ben, como levo uns anos demostrando en Galicia”, afirmou Feijóo, que na primeira emisión na que participou recoñeceu que o seu de casarse vai “regular”.

-Un erro fai públicos os tonteos do Valedor con Gloria Lago en Facebook
Un erro á hora de manexar o muro de Facebook deixou abertos publicamente as mensaxes de flirteo e intento de quedada con piropos que o Valedor do Pobo enviou constantemente nos últimos tempos á líder de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. Este feito prodúcese logo de que correse o rumor de que a  excesiva  insistencia do Valedor en mandarlle cariñosos mensaxes por Twitter a Rosa Díez provocase que ata a deputada de UpyD se vise desbordada e lle fixese unfollow. .

-Lage Tuñas matricúlase nun curso de escalada.
Unha vez que a súa candidatura á secretaría xeral do PSOE da Coruña fose derrotada por un banqueiro e ante o congreso do PSdeG que se celebrará nuns meses, o deputado socialista Lage Tuñas decidiu matricularse nun curso de escalada. “Recoñezo certas eivas á hora de ascender en determinados lugares pero espero resolvelas neste tempo. Teño gran confianza nas miñas posibilidades”, declarou. Preguntado ao respecto desta noticia, o actual líder do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou: “Eu xa hai tempo que fun a clases de boxeo e karate, que é o que fai falta”. 

-Os protagonistas da primeira portada de Xornal levan a Gómez ante a Xustiza por “gafe”.
Alfredo Pérez Rubalcaba, José Blanco, Anxo Quintana e Xesús Palmou presentarán unha demanda conxunta contra José Luis Gómez por “maldicilos” tras sacalos na primeira portada do diario que el dirixía, Xornal de Galicia, que lamentablemente tampouco escapou ao meigallo e xa non existe. Os catro políticos -que xunto a unha disputa por Castelao foron os persoeiros que ocuparon a primeira páxina da historia do periódico a finais de 2008- sumaron dende entón importantes derrotas electorais, casos de corrupción ou foron apartados dos seus partidos, o que achacan ao “gafe de Gómez” .

-Diego Ameixeiras pásase á ciencia-ficción e publica 'Acordo no Consello Nacional'.
O escritor ourensán dá un salto na súa carreira, ata o de agora centrada no xénero negro. “Ante o actual rumbo das cousas é complicado escribir algo que supere a escuridade real, así que paseime a un rexistro de ciencia-ficción máis positivo. No primeiro libro desta etapa falarei dunha sociedade utópica, na que nos órganos de dirección do BNG as correntes aceptan asinar acordos unánimes e dirixen xuntos as súas forzas a combater os perigos da destrutiva civilización PPSOE, creo que é unha proposta literaria bastante interesante”, comenta o autor.

-Faro de Vigo despide a un traballador por escribir “concello”
“Una grave infracción de las normas de este diario”. Con este argumento, a dirección do Faro de Vigo xustificou o despido dun traballador que nunha información fixo referencia ao “concello de Ponteareas”. “Todos sabemos que aquí no se usa el gallego e insistimos en que se escriba 'concejo'”, explicaron fontes do periódico, que tamén aseguraron que o feito de que a sanción non sexa por escribir “Ponteareas” en vez de “Puentearenas” evidencia “su respeto al idioma indígena”.  

-A Xurxo Souto xa non lle arde o peito
Importante cambio no que foi cantante d'Os Diplomáticos de Monte Alto. “Eu pensaba que o lume que notaba dentro de min era emoción vital, bravura e arroutada. Ardíame o peito e eu turraba contra o mundo, pero fun ao médico por outras cousas e resultou que ese ardor era refluxo gastroesofáxico. Agora tomo omeprazol todas as mañás e vexo todo doutra forma”, confesou o artista coruñés, cuxa próxima obra tratará sobre o día do inventario nas bibliotecas municipais. 

-Justo Beramendi escribirá un libro de 3.000 páxinas “sobre un galeguista de Dozón que me quedou colgado”.
O prestixioso historiador especializado no galeguismo político recoñece que na súa magna obra 'De Provincia a Nación' esqueceuse de facer mención a un galeguista que había pola parte de Dozón alá no ano 33. Para solucionar ese erro, en breves meses publicara a súa biografía, dunhas 3.000 páxinas posto que “queda un familiar ao que lle contaron algo del nunha cea de nadal”.

-A web de La Voz recibe da Xunta unha subvención “para papel e tinta”
A consellería de Industria destinou 300.000 euros a subvencionar a edición dixital de La Voz de Galicia en concepto de “gasto para papel e tinta”. “Esta axuda non anula as que pode recibir en vindeiras datas para a rotativa”, engadíase no DOG. Interpelada a Xunta polo feito de que as edicións dixitais non usan papel, nin tinta, nin pasan por rotativas, fontes oficiais afirmaron que “parvadas, un periódico é un periódico agora e sempre”.

-Nós sepárase de UP
Cando todo o mundo pensaba que Nós-UP (Unidade Popular) era unha única organización, unha nota de prensa acaba de formalizar unha nova escisión no independentismo. Fontes de Nós recoñecen que tiveron que separarse ao “estar fartos de que a xente nos pronuncie Nós-AP, como se o de UP fose enriba en inglés, tipo o seven-up”. Pola súa conta, os tres membros que agora constitúen Unidade Popular din que esta ruptura “fortalece o noso proceso de acumulación de forzas”. 

-Recéitanlle ansiolíticos a Mercedes Peón logo de escoitar o seu último disco
A cantante Mercedes Peón foi levada a un sanatorio mental logo de que os médicos deste centro escoitaran o seu último traballo. “Xa o nome do disco -tralalá- non adiantaba nada bo, pero logo en canto comezamos a escoitar esa música extraña, con berros estridentes e demais vimos claro que había un desequilibrio e que a tiñamos que tratar”, confirmaron no hospital, do que a coruñesa saíu cun tratamento de ansiolíticos. “Non o penso tomar, o que ocorre é que en determinadas capas deste país falta cultura musical”, replicou a premiada artista. Outras fontes afirman que todo se tratou dun erro e a quen querían medicar dende xa era á próxima cantante de Luar na Lubre “para ir gañando tempo”.

-As caixeiras dun supermercado pídenlle a Rafa Cuiña “que se decida e deixe de marear”
O empresario e opinador centrogaleguista Rafa Cuiña vén de ser duramente interpelado polas caixeiras dun supermercado de Compostela. “Leva aquí catro meses diante da caixa a ver se fai a compra ou non, ás veces solta frases raras, outras semella como que vai facela e incluso saca a carteira, pero comeza a rir e di que era unha brincadeira e que aínda non vai dar o paso, que se o fai vai en serio e ten que pensalo máis. Aínda por riba dedícase a criticar todo o que compran os demais. Xa cansa. A maioría dos clientes non saben quen é, pero moi de vez en cando vén algún que lle di que a faga xa, que a súa compra é necesaria para o país. É todo moi raro”, afirmou a portavoz das caixeiras.

-Organizan unha xornada reivindicativa na que non actúa O Leo.
As xornadas reivindicativas 'Defendamos o Noso', celebradas este sábado en Sigüeiro causaron gran sorpresa entre os asistentes posto que, en contra do habitual, no programa de actos non se incluíu unha actuación de O Leo i Arremecaghona. A organización, desbordada polas protestas, non soubo explicar a ausencia, que nin sequera foi cuberta por Os Tres Trebóns, Skarnio, membros de Ataque Escampe ou algo do común nestes casos. “Non volverá pasar”, prometeu a inexperta asociación convocante.

-A policía detén a dous independentistas e afirma que grazas a elo “evitou o apocalipse”
A policía nacional presumiu onte de “ter evitado o apocalipse e o final definitivo da raza humana” logo de que dous militantes da CNT -“activos independentistas”, segundo os servizos de información das forzas estatais- foran detidos nunha gasolineira de Vigo onde ían repostar no seu vello Opel Corsa. “Levaban un paquete de tabaco e un chisqueiro, co cal resulta evidente que a súa intención era prender un cigarro e facer explotar os depósitos”. O portavoz policial confirmou que os detidos foron trasladados a Madrid e engadiu que  “xa lles dimos unhas cantas hostias”, se ben mediante unha nota de prensa a propia policía desmentiu logo esta última afirmación, “froito do entusiasmo do momento”. 

-Converxencia XXI solicítalle á CIA que lle bote unha man.
Ante as dificultades para atopar un oco no panorama político, o partido liberal-galeguista contactou cos servizos secretos estadounidenses, cos que cren compartir obxectivos. “Sería posible que nos mandaran uns axentes, unhas subvencións, unhas operacións encubertas ou algo que faga prosperar as nosas ideas, como fixeron noutras partes do mundo?”, indicaban na misiva. Converxencia recorre á CIA logo de que do Mossad só obtivesen que lles pagase un par de ceas.

-Sacarán un diario dixital en galego sen pedirlle cartos á xente
Un grupo de xornalistas presentou en Compostela un proxecto de diario dixital en galego nun acto que non convenceu a ninguén entre as decenas de asistentes, posto que os impulsores non solicitaron apoio económico aos posibles lectores. “Aquí hai trampa”, “seguro que hai alguén raro detrás”, “non poden competir deslealmente co resto” e “tocaríalles a primitiva” foron as frases que se escoitaron entre o público, moi escéptico respecto ao diario, ao que se lle agoira un rápido fracaso “por chulito”. Polo contrario, o xornalista Rodri Suárez xa se arrastrou ante os impulsores do medio para ver se tiñan algo para el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.