O grupo El Progreso tamén acomete un plan de redución da plantilla do Diario de Pontevedra

O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar polo despido de cinco traballadores deste medio que se suman aos 13 do xornal El Progreso.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/04/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente os despedimentos producidos no Diario de Pontevedra e expresa a súa solidariedade co persoal afectado.

Xornais do Diario de Pontevedra, do grupo El Progreso de Lugo
Xornais do Diario de Pontevedra, do grupo El Progreso de Lugo

O pasado venres 12 de abril, a dirección do Diario de Pontevedra comunicáballe a cinco traballadores, dous deles xornalistas, o seu despedimento, alegando causas económicas. Ese mesmo día, comunicábaselle a dúas persoas máis que non se lles renovaría o contrato. Diario de Pontevedra é unha cabeceira pertencente ao Grupo El Progreso, que xa o día anterior prescindira de 13 traballadores en Lugo.

De feito, estes despedimentos non son os únicos que afrontará o grupo El Progreso tal e como xa avanzou Galicia Confidencial. Veñen acompañados de prexubilacións e da non renovación doutros traballadores aos que lles rematan contratos, ben sexan laborais ou contratos Feuga. En total, esta primeira medida afectou, segundo as fontes consultadas por GC a máis de 30 persoas. O principal obxectivo é reducir o cadro de persoal do grupo de comunicación máis importante da provincia de Lugo, que xa fora afectado por outros despedimentos nos últimos anos, aínda que moi inferiores aos destes días.

De feito, El Progreso pasa por unha delicada situación financeira que non pode aguantar os case 270 traballadores que ten. Ata o momento, a dirección do medio estivo resistindo pero tras a gran renovación realizada por La Voz de Galicia, con despidos importantes tamén na provincia de Lugo, o grupo lucense decidiu acometer a súa renovación.

"CALIDADE DA INFORMACIÓN"

"Unha vez máis, o Colexio de Xornalistas ten que lembrar que a crise do xornalismo impreso e o impacto económico da falta de lectores non poden resolverse con menos xornalistas e menos xornalismo", indica nun comunicado ao tempo que critica a perda de calidade da información e nun deterioro do xornalismo que se ofrece á sociedade.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas expresa a súa solidariedade aos traballadores afectados polos recortes e fai un chamamento ás direccións dos medios "para apostaren por uns cadros de persoal estábeis, con condicións dignas e suficientes para garantir a información propia, rigorosa, diferenciada e contextualizada que a sociedade galega merece".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Certamente estamos a vivir un tempo moi raro... Os medios convencionais van minguando pero o que non comprendemos é que os NOVOS MEDIOS tamén estreiten as canles de información (eliminando a posibilidade de realizar comentarios por parte dos lectores!) coma sucede co Xornal de Vigo dende hai varios meses... http://xornaldevigo.gal/que-e/ Estamos entre campañas electorais 28A e 26M e nos xornais dixitais non se pode abrir a boca ? Van morrendo os xornais en papel e a Voz de Galicia inaugura o seu sistema de pago en plena campaña electoral...? Semella que o único lugar LIBRE seguirán sendo as redes sociais... que nin tecen "redes" nin son "sociais" !!! Cómpre revisar certas políticas xornalísticas canto antes !!!