A celebración do Banquete de Conxo en Santiago comezará o dous de maio ata o día cinco

Tamén haberá unha comida na carballeira de Conxo o propio día 5 para conmemorar o banquete que se celebrou alí en 1856.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

A celebración do Banquete de Conxo, cuxa actividade principal se desenvolverá o domingo 5 de maio, inclúe na programación unhas xornadas de degustación de produtos de cabra.

Concretamente, na presentación deste evento, no que participaron a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, a concelleira de Turismo, Marta Lois, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, explicaron que se desenvolverán os días 2, 3, 4 e 5 de maio en 16 restaurantes da capital galega.

Así, os establecementos composteláns adheridos a esta iniciativa ofrecerán produtos de cabra tanto en forma de tapa, como de prato, segundo detallou Sara Santos. O obxectivo desta acción é pór en valor este produto, degustado aquel 2 de marzo de 1856 e que forma parte da gastronomía dos barrios do sur de Compostela.

A concelleira de Turismo, que destacou que esta festa "vai camiño de consolidarse e quedar na cidade", deu a coñecer as diferentes citas ás que poderán asistir os cidadáns no marco desta festa, como talleres de traxes de época e tradicionais en Conxo.

Así, ademais destes días de degustación de cabra, tamén haberá unha comida na carballeira de Conxo o propio día 5 para conmemorar o banquete que se celebrou alí en 1856. Serviranse tanto pratos que inclúan a cabra como outras comidas como polbo, pito, empanadas ou churrasco.

"SINÓNIMO DE ÉXITO"

Para finalizar, o rexedor compostelán quixo destacar que este tipo de accións colaborativas crean "sinerxías" moi beneficiosas para a cidade, xa que, polo momento, "sempre foron sinónimo de éxito".

Este mesmo mércores tivo lugar a primeira degustación na Nave 5 da Praza de Abastos compostelá, na que ademais de Marta Lois e Martiño Noriega, participaron o portavoz e candidato a alcalde do PP, Agustín Hernández; e a concelleira e candidata á Alcaldía do BNG, Goretti Sanmartín.

A celebración do Banquete de Conxo en Santiago incluirá unhas xornadas de degustación de produtos de cabra. CONCELLO DE SANTIAGO
A celebración do Banquete de Conxo en Santiago incluirá unhas xornadas de degustación de produtos de cabra. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta