Esixen a dimisión do director xeral de Minas por suposta prevaricación ambiental na mina de San Finx

A plataforma Mina Touro-O Pino Non esixe a dimisión "inmediata" do director xeral, e advirten de que "non pode ser o responsable de decidir sobre o futuro" do proxecto que lles afecta como veciños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

A plataforma veciñal en contra da reapertura da explotación mineira en Touro (A Coruña) e o grupo parlamentario de En Marea reclaman a dimisión do director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, ao estar investigado por un suposto delito de prevaricación ambiental en relación co proxecto de San Finx, en Lousame.

Pola súa banda, o grupo dos socialistas na Cámara autonómica esixe "as máximas garantías ambientais" nas explotacións de Galicia. Tahoces terá que comparecer como investigado o próximo 2 de maio nos xulgados Noia en relación coa reapertura da mina de San Finx por mor dunha petición da Fiscalía.

CONTRA A MINA DE TOURO

Tras transcender esta información, a plataforma Mina Touro-O Pino Non esixe a dimisión "inmediata" do director xeral, e advirten de que "non pode ser o responsable de decidir sobre o futuro" do proxecto que lles afecta como veciños.

Acúsano dun "currículo manchado" pola súa xestión en relación con outros proxectos mineiros como o de Corcoesto e avisan de que en Touro está "en xogo o futuro e a vida" de persoas e medio ambiente. Neste sentido, piden tamén que a Xunta "resolva canto antes o proxecto e poña así fin a un procedemento longo e tedioso, paralizado sine die sen motivos xustificados".

"CONIVENCIA E INACCIÓN"

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, reclama, como xa fixo hai un ano, a dimisión de Tahoces "por ser peza fundamental no modus operandi da Xunta en relación coa xestión das minas".

No caso de San Finx, censura, "fálase de conivencia, inacción e deixamento da Xunta ante as actividades contaminantes da empresa". Non é, ao seu xuízo, "máis que a punta do iceberg dunha práctica continua da Xunta de conivencia coas empresas que contaminan, de tapar esas actividades, de non cumprir a lei e de porse ao lado destas poderosas compañías".

"Sexa en San Finx, en Santa Comba, en Touro ou en Valdeorras, vemos constantemente como non actúa a Administración para facer cumprir a lei e que dunha vez por todas as actividades que existan no noso rural sexan respectuosas co medio ambiente e coa saúde das persoas", critica. Este é, en opinión de Antón Sánchez, o "modelo que o señor Feijóo pretende para Galicia".

INFORME E CONTROL DE VERTEDURAS

Mentres, a portavoz de medio ambiente do PSdeG no Pazo do Hórreo, Patricia Vilán, mostra a súa preocupación despois de coñecer a imputación. Aínda que transmite o seu "máximo respecto polos procedementos e as garantías xudiciais", demanda á Xunta que tome medidas para garantir a seguridade "non só ambiental, senón tamén cara á saúde pública".

E apunta que a investigación ten que ver con "a falta do informe ambiental na autorización para a reapertura da explotación, pero tamén cunha suposta falta de control de verteduras, polo estado das balsas mineiras e con metais pesados perigosos para a saúde".

O Director Xeral De Industria, Enerxía E Minas, Anxo Bernardo Tahoces. EUROPA PRESS - Arquivo
O Director Xeral De Industria, Enerxía E Minas, Anxo Bernardo Tahoces. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Se non dimite a Milagriños, eu tampouco.