Precaución ao volante e máis controis esta Semana Santa

O servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide precaución e recorda que asistiu o ano pasado nestas datas a 108 persoas en 82 accidentes. A Garda Civil aumentará ademais estes días os controis debido á segunda fase da "Operación Saída".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 09:31

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide aos condutores precaución nas estradas ante o inicio este xoves 18 de abril dos festivos de Semana Santa, período no que se prevé un incremento do número de desprazamentos por estrada ata o domingo 21 de abril. Nun comunicado, o 061 lembra a "importancia" de ter descargada a App de Urxencias Sanitarias no móbil ou a tableta. Así, as chamadas que se realicen a través desta aplicación enviarán a "posición exacta xeolocalizada do accidentado".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

O 061 explica que antes de auxiliar nun sinistro débese tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, apartado do accidente e acender as luces de emerxencia. A iso suma que se debe pór roupa rechamante, "pero nunca escura". Ademais débese sinalizar o accidente a 50 metros, como mínimo, antes e despois do lugar en que ocorreu.

"O que non se debe facer nunca é pór en perigo a vida propia", subliña o 061. Sobre todo, incide en que "salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións".

UN MAIOR CONTROL

A Garda Civil aumentará en Galicia os controis con motivo da segunda fase da 'Operación Saída de Semana Santa de 2019', na que se potenciarán servizos orientados ao control do consumo de alcol e drogas, velocidade, uso do cinto de seguridade e utilización do teléfono móbil durante a condución.

Segundo informou o Instituto Armado, as vías convencionais, nas cales recentemente se reduciu a velocidade máxima a 90 quilómetros por hora, serán obxecto de "especial atención", por ser as vías "con maiores índices de sinistralidade e ser utilizadas nestas datas para os traslados curtos a zonas de lecer ou celebracións relixiosas, entre outras". Estes controis efectuaranse en calquera tramo horario e establecendo puntos "dinámicos" ao obxecto de efectuar un labor disuasorio, indicou a Benemérita.

"Dado que son datas moi empregadas para o esparexemento e a realización de actividades ao aire libre (práctica de ciclismo, realización do Camiño de Santiago, etc.) que en moitas ocasións obrigan a compartir espazos comúns, deben extremarse as precaucións nas zonas de afluencia de ciclistas e/ou peóns (peregrinos)", avisa o Instituto Armado. A prevención de accidentes de tráfico e das súas consecuencias, xunto co auxilio aos usuarios das estradas, conforman os eixos principais sobre os que a Garda Civil basea a súa contribución á seguridade viaria en España.

BALANCE 2018

O 061 asistiu durante a Semana Santa do pasado ano a un total de 108 persoas debido a 82 accidente de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 15,00 horas do mércores 28 de marzo e as 23,59 horas do domingo 1 de abril de 2018. En 92 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 15 recibiron asistencia no lugar do sinistro e unha faleceu no punto do accidente.

Por provincias, A Coruña rexistrou máis accidentes na Semana Santa do pasado ano, con 37 sinistros; seguida de Pontevedra, con 26; Lugo, 11; e Ourense, con oito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta