Enfermeiras de loito e en loita contra a precariedade

As enfermeiras eventuais do Sergas, fartas de verse sometidas a contratación precaria, esixen un trato digno por parte da Administración e organizan unha protesta simbólica nas oposicións do 12 de maio, vestindo de negro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2019 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O colectivo enfermeiro está farto da eventualidade e da precariedade. Contratos de moi curta duración, sen dereito a vacacións retribuídas, baixas que se penalizan... As queixas son moitas para un colectivo que, canso de padecer abusos, ponse de loito e en loita. Porque non  ven razoable que unha enfermeira, por poñer un caso de moitos, teña asinado 254 contratos en once anos, 70 deles dun só día e o máis longo, de 130 días de duración, e sen vacacións.

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

O 12 de maio terá lugar a oposición de enfermaría do Sergas, á que se presentan 8.832 candidatos, o que deixa o Servizo Galego de Saúde en "dificultades para realizar a cobertura dos servizos sanitarios de toda Galicia, xa que os que se examinan teñen dereito ao día do exame (o permiso comprende o día completo da súa realización)", comentan fontes da Asociación Enfermería Sociosanitaria da Coruña e do colectivo Eventuais en Loita.

Segundo estas fontes, "a dirección do Sergas está a ofrecer ao persoal fixo a realización dunha xornada voluntaria ese día", con retribucións que serían de 199,15 euros para a quenda de mañá ou tarde, e de 200,23 euros para a da noite.

Esta situación evidencia que "malia que desde o Sergas se repite unha e outra vez que a gran maioría do seu persoal ten vínculos estables coa Administración, parece non ser así, xa que se están atopando con grandes dificultades para cubrir os servizos mínimos que require un sistema de saúde público pago por todos", expoñen as enfermeiras eventuais.

A chamada do Sergas ao persoal fixo para cubrir os postos das eventuais que irán ás oposicións o 12 de maio "demostra que en realidade, un tanto por cento moi elevado do persoal do Servizo  Galego de  Saúde son profesionais eventuais, xa que debido á crise, todas as prazas dos profesionais xubilados durante este período non foron repostas (a chamada Taxa de Reposición) e agora sufrimos os efectos da crise", proseguen.

Afirman, ademais, que "o Sergas SERGAS está a denegar a todos os profesionais de enfermería, permisos como vacacións, petición de días libres, etc., todo escudándose en que non teñen xente para cubrir as substitucións".

Este colectivo puxo en marcha o movemento #OPEnegra para dar a coñecer á sociedade galega a precaria situación de enfermaría e pedir ás forzas políticas, sindicatos e asociacións profesionais medidas futuras para paliar as "enormes deficiencias da profesión".

O 12 de maio faise un chamamento a todas as eventuais enfermeiras que farán o exame de OPE para facer visible a precariedade do colectivo, vestidas de negro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta