Pino (Cs): "Galicia ten que ter o status de ser unha comunidade fantástica e liderar a economía española"

Beatriz Pino móstrase convencida de que haberá "representación" de Cs e advirte que o que "queren os galegos é pagar menos e para iso non fai falta transferir" a AP-9. Pino defende unha selectividade única e avisa que "hai moitos adolescentes que se queixan en Galicia de que teñen que facer exames máis complicados"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso, Beatriz Pino, móstrase convencida de que a formación laranxa "vai dar máis dunha sorpresa" na cita coas urnas do próximo 28 de abril e, aínda que non se atreve a dar un prognóstico, garantiu que "vai haber representación galega" de Cs. "Sempre temos ido a mellor, sempre crecemos", argumentou a xornalista e filóloga, que ratifica que será un "ensaio" para as autonómicas do próximo ano nas que aspiran a entrar no Parlamento.

EUROPA PRESS - Arquivo
EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Con este propósito e coa idea de "pasar páxina ao bipartidismo", Beatriz Pino (Vigo, 1975) considera que "Galicia ten que estar á cabeza e ser locomotora da economía española". Responde, así, á pregunta de se Ciudadanos considera a Galicia unha nacionalidade histórica, como recolle o seu Estatuto de Autonomía.  "Galicia ten que estar onde historicamente reclamou o seu sitio e é á cabeza da economía de España. O status que ten que ter Galicia é o de que é unha comunidade fantástica e que ten que estar a liderar a economía deste país; ninguén lle vai a quitar o que ten e o que conseguiu ata agora, pero isto é o que ten que ser", engade, ao ser reinterpelada, a candidata, quen lembrou a capacidade "emprendedora" dos galegos e, especialmente, da emigración.

Beatriz Pino esgrime a "madurez política" que alcanzou a súa formación tras cinco anos de implantación na Comunidade e asegurou, preguntada pola cuestión idiomática, que "non hai ningún problema con respecto a este tema". Así, avogou por "pór en valor a riqueza enorme", xa que "hai dúas linguas", e a partir de aí que cada un "desde a liberdade, decida se galego ou castelán, 'se me monto nun tren e falo galego ou castelán'". "Non queremos que se impoña, pero nin unha lingua nin a outra", insistiu Beatriz Piñeiro, quen defendeu a "equiparación" e que "debería ser moito máis democrático poder elixir en que idioma poder recibir información ou expresarse".

Preguntada por se lle consta que haxa persoas que só reciben información en galego por parte da administración, cando as queixas que se coñecen son en sentido contrario, contestou: "Cónstame que hai unha e a contraria, e que hai xente que quere recibir información en castelán. Por suposto que poden chegar en galego, pero tamén en castelán, por que non aproveitar a riqueza que temos? Por que temos que deostar ningunha das dúas linguas".

COMPETENCIAS E TRANSFERENCIA DA AP-9

Sobre a transferencia de competencias e sobre se sostén que algunhas deberían devolverse ao Estado, Beatriz Pino dixo que hai que buscar "sempre" a "xestión máis eficiente e máis vantaxosa para o ben de todos". Así, apostou por mellorar a xestión en canto a educación e que haxa acceso gratuíto ás gardarías de 0 a 3 anos, que os libros de texto sexan gratuítos de forma universal en toda a etapa escolar obrigatoria e que haxa cursos de inglés durante os meses de xullo e agosto nos colexios públicos, como medida educativa e tamén de "conciliación".

Sen saír da educación e no ámbito das competencias, Beatriz Pino tamén defendeu a proposta dunha selectividade única para toda España. De feito, asegurou que "hai moitos adolescentes que se queixan en Galicia de que teñen que facer exames máis complicados dos que teñen que facer en Estremadura ou Madrid ou outros sitios". "Non ten sentido que en España teñamos 17 probas de Selectividade diferentes, ten que haber unha Selectividade única, que homoxeneíce e accedan coa mesma nota de corte", aseverou.

Sobre a competencia concreta da AP-9, a candidata de Ciudadanos lembrou que está entre o "tres máis caras" do Estado e esta situación é a que censurou a formación laranxa no Congreso. "Imos analizar os 'pros e contras' e ver o que é máis rendible para non afectar o peto dos galegos. O que queren os galegos é pagar menos e para iso non fai falta transferir competencias", manifestou.

En canto a Ence, a candidata de Cidadáns sostivo que hai que "defender o emprego e o medio ambiente". "Temos que promover o diálogo polas distintas partes para poder permitir o emprego e o respecto polo medio ambiente", sinalou, antes de indicar que é partidaria de "impor sancións en caso de incumprimento". "O Goberno ten que pedirlle a Ence en Pontevedra cumprir a normativa e minimizar a contaminación na ría", apuntou Beatriz Piñeiro, quen dixo que "non" sabe se é unha vía o traslado dentro da comarca, pero o que hai que hai que facer é abrir "un diálogo e salvar os postos de traballo cumprindo cos requisitos".

ABORTO E EUTANASIA

Preguntada pola Lei de interrupción voluntaria do embarazo, Beatriz Pino eludiu situarse de forma concreta sobre esta cuestión como posible socia a formación laranxa do PP: "Creo que hai temas moitísimo máis importantes para abordar, temas encima da mesa que teñen a obrigación de ser abordados; o 'Sanchismo' é un erro histórico e é unha emerxencia nacional (desaloxalo da Moncloa), porque está a pactar con separatistas". Así, esgrimiu que "mirar ao pasado con temas do pasado, non ten ningún sentido" e xulgou que "falar do aborto non ten sentido". "O que ten sentido é falar do que lle preocupa aos españois", incidiu.

E ao ser repreguntada polo feito de que esta cuestión preocupa a moitas mulleres por posibles cambios que propón unha dos seus potenciais forzas socias para un goberno, Beatriz Pino volveu a eludir situarse de forma concreta, pero matizou que "cando compete a un tema persoal e de parella, é un tema que ninguén ten que dicir; cada un para dentro da súa casa".

En canto á regulación da morte digna, Beatriz Pino sinalou que é unha cuestión que "saíu á palestra" e que "desgraciadamente" houbo un caso recente. "Toca evidentemente meterse de cheo neste tema, porque é unha demanda e un clamor social", apuntou. Así, lembrou que Ciudadanos "xa avogou no seu momento por un proxecto para unha lei de paliativos e para que un comité ético e médico valoren a situación do paciente nun momento tan terrible". "Por suposto, que se regule e que se poida dar a decisión cun comité ético e médico cumprindo os requisitos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta