A Xunta inclúe 30 novas especies de peixe e marisco na aplicación móbil 'Non piques, non peques'

Esta ampliación dos contidos da plataforma coincide coa época de vacacións de Semana Santa e ten o obxectivo de promover o coñecemento dos peixes e mariscos que se poden atopar no mercado galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

A aplicación móbil 'Non piques, non peques', que contén información sobre as vedas, as tallas mínimas e o período de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia, conta con 30 novas especies. Segundo informou a Xunta a través dun comunicado, esta ampliación de contidos da app coincide coa época de vacacións de Semana Santa, co obxectivo de promover o coñecemento dos peixes e mariscos que se poden atopar no mercado galego entre a cidadanía en xeral e, especialmente, entre os turistas que visitan Galicia durante estas datas.

As novas especies que se engaden ás versións en galego, castelán e inglés desta aplicación son a acedía, a agulla, o alcrique, a ameixa dourada, a anguía, a bertorella de roca, o ameixón, o rabioso, o bígaro, a ameixa vella ou 'carneiro', a palometa, o choquito, a chopa, a ameixa branca, o rodaballo areeiro, o dentón, o escacho, o escarapote de pedra, o mero, a lamprea de mar, a lapa común, a navalla europea, o melgacho, o bonito alistado, o pejepuerco, a pota ou o mexillón, entre outros

Deste xeito, súmanse ás 53 que estaban dispoñibles, polo que os cidadáns poden consultar un total de 83 fichas individuais das principais especies de pesca e marisqueo en Galicia, con información sinxela sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixes e mariscos capturados na comunidade. Tamén axuda a identificar de maneira visual as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Ademais contén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo. Desde a súa posta en marcha, a aplicación foi descargada máis de 10.800 veces.

Marisqueo
Marisqueo | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta