Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2019 | Actualizada ás 16:21
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, elixiron este xoves Mazaricos (A Coruña) para explicar as súas propostas orientadas ao medio rural, baseadas na consecución dunhas rendas dignas, o fomento da igualdade e a incorporación dos mozos. Para iso, comprometéronse a "ser a voz dos gandeiros" no Estado tras o 28 de abril.
Así, Ana Pontón reivindicou a importancia de que estes traballadores conten cunha "voz propia" en Madrid, dado que alí "se toman moitas das decisións en política agraria que lles afectan directamente".
A portavoz nacional do BNG lembrou que Galicia é "unha potencia agrogandeira", pero "necesita poder político para que os seus produtores lácteos non reciban o prezo máis baixo do leite" e para "desenvolver unha industria de transformación" e facilitar a "renovación xeracional das explotacións agrarias".
Nun Congreso que augura "sen maiorías", o BNG "demandará medidas para garantir rendas dignas aos produtores", unha cuestión para a que é necesaria "transparencia e intervención no mercado e apostar pola transformación para xerar valor engadido con liñas de apoio concretas".
Pontón fixo fincapé na importancia de "facilitar a renovación xeracional" e de "acabar coa discriminación da muller no campo". No primeiro caso, "con fondos suficientes e unha fiscalidade que non penalice a moza que recibe axudas públicas para incorporarse ao rural"; e, no segundo, con iniciativas a favor da igualdade das traballadoras no campo, en particular no relacionado cos ingresos e coa dificultade de acceso á copropiedade das explotacións.
90.000 EXPLOTACIÓNS MENOS
Pola súa banda, Néstor Rego lembrou que, desde a entrada na UE, Galicia perdeu 90.000 explotacións agrarias e avanzou que o BNG "proporá no Congreso un plan estratéxico para o sector agrario para a produción de carne e leite", así como medidas para mellorar as pensións mínimas.
"A nosa proposta é subir as pensións na mesma contía que o SMI de maneira progresiva ata igualar ambos os dous ao 60% do salario medio do Estado. Non é xusto que persoas que traballaron no rural 40 ou 50 anos agora cobren unha pensión mínima", destacou Rego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.