Galicia e Portugal estudan o aproveitamento de restos da vide, matogueira e kiwi para combustible

Unha rede transfronteiriza promove contactos entre empresas e profesionais da biomasa, con "moito que dicir" contra os incendios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2019 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O aproveitamento de restos da vide, matogueira e kiwi para combustible, previa a súa transformación en pellets, é un dos obxectivos dun proxecto transfronteirizo que desenvolven centros de I+D de Galicia e norte de Portugal.

Rural.- Estudan o aproveitamento de restos da vide, matogueira e kiwi para combustible. REMITIDA
Rural.- Estudan o aproveitamento de restos da vide, matogueira e kiwi para combustible. REMITIDA | Fonte: Europa Press

"De momento a vide deu resultados prometedores, e o toxo estamos con el, pero pode ter posibilidades", destaca a investigadora da Universidade de Vigo Araceli Regueiro. Pola súa banda, o kiwi "está a dar moitos problemas", pero o seu equipo seguirá testando con distintas composicións.

A Universidade de Vigo trata de determinar "como de ben ou mal" funciona cada tipo de combustible, para o que, primeiro, puxo a proba os pellets procedentes de restos da vide, matogueira e kiwi nun queimador experimental. Despois farao en caldeiras convencionais e realizará unha comparativa con produtos que xa están a ser comercializados.

Examinan distintos parámetros como a sucidade que esta biomasa deixa nos tubos ou a formación de escorias no fondo das caldeiras, cuestións que inflúen na eficacia da produción de calor. Tamén avalían outras variables como as emisións gaseosas e as partículas sólidas que se xeran.

Respecto dos "resultados bastante bos" que augura da matogueira, Regueiro valora a súa funcionalidade tendo en conta a cantidade existente en territorio galego e portugués, e xa que "se limpas o monte", ao mesmo tempo, "evitas" que se inicien e propaguen máis facilmente os lumes que cada ano calcinan miles de hectáreas en ambos os países.

Coa primeira fase do proxecto xa finalizada, a de selección e recollida das biomasas, a análise concluíu que na Eurorrexión existen aproximadamente un 1 millón de hectáreas de superficie con masas de matogueiras sen arboredo, das que Galicia ten o 53% e o norte de Portugal o 47% restante.

Dentro das áreas con maior concentración de matogueiras están as provincias de Ourense e Lugo en Galicia, e Alto Tras-Os-Montes e Douro no norte de Portugal.

E o proxecto, denominado 'Biomasa-AP', calculou que "a posibilidade anual de aproveitamento de masas de matogueiras na rexión Galicia-Norte de Portugal podería chegar a alcanzar 1,5 millóns de toneladas de biomasa en estado verde, que equivalería enerxeticamente a máis de 341.000 TEP (tonelada equivalente de petróleo)".

INTERCAMBIOS EN SANTIAGO

Cun financiamento de máis de 2 millóns de euros e nove socios (catro portugueses e cinco galegos), a de 'Biomasa-AP' será unha das iniciativas que aborde o encontro que a rede transfronteiriza da biomasa, que coordina Feuga, celebrará este martes 23 en Santiago.

A xornada contará coa presenza de responsables de empresas e profesionais da biomasa, aos que busca pór en contacto para favorecer intercambios, tanto a nivel de investigación como de negocio.

En representación da asociación española de valorización enerxética da biomasa, Juan Jesús Ramos (quen estará na apertura) destaca, que este sector "ten moito que dicir", tanto na loita contra os incendios forestais como no freo do cambio climático, polas "sinerxías" que implica ao permitir a "xestión" do patrimonio forestal e debido a que a "emisión" é "neutra".

Ademais, valora a xeración de postos de traballo nun ámbito no que "todo o mundo fala do problema da España baleirada". "O rural necesita actividades", incide.

Por iso, avoga por reducir as barreiras burocráticas tanto en España como en Portugal e pide que "as administracións públicas poñan a súa mirada no sector da biomasa".

É un campo, segundo subliña, "con moito potencial" e do que a Península Ibérica só aproveita en torno ao 30% ou o 40%, segundo as súas cifras, fronte ao 60%-70% dalgúns países europeos.

O que si observa é un uso "masivo" de estufas e caldeiras "pequenas" tanto en Galicia como no norte de Portugal, de modo que "a nivel doméstico si está moi estendida a biomasa". Pero advirte un "nicho" e "percorrido" na venda de calor á industria e ao sector público no país luso.

Algúns exemplos concretos que cita para o uso desta calor son as piscinas climatizadas e as residencias de maiores. De feito, apunta que Galicia é "onde máis residencias de maiores teñen biomasa".

O martes, a partir das 9,45 horas, a xornada que se desenvolverá no edificio Feuga de Santiago prevé a participación de Energylab, CIS Madeira, Inegi e a propia Feuga, así como Greenalia Woodchips, Laboratorio de Xiloenerxética da Universidade de Vigo, LRB Consultores, fmC forestal e medioambiente, Insitituto Tecnolóxico de Galicia e Foresin.

A rede ten previstos, ademais desta cita en Santiago, outra en maio en Portugal, co obxectivo de facilitar a interrelación entre os diferentes axentes e promover a colaboración entre os seus integrantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta