Miles de mariñeiros galegos non poderán votar polos atrancos da lei electoral

Os embarcados durante longas estadías só teñen como recurso o voto por correo, un procedemento practicamente imposible de aplicar nestes casos pola súa complexidade. A reforma da lei electoral para facilitar o sufraxio dos embarcados continúa nun caixón 30 anos despois.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2019 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

A promesa de reformar a lei electoral para facilitar o voto aos mariñeiros da frota de altura e mercante permanece nun caixón desde hai máis de trinta anos a pesar das promesas dos diferentes gobernos que pasaron pola Moncloa.

Abanca convértese no primeiro accionista de Nova Pescanova. ABANCA
Abanca convértese no primeiro accionista de Nova Pescanova. ABANCA

As persoas que navegan durante longas estadías de ata sete meses en alto mar só poden emitir o seu sufraxio mediante o voto por correo, un recurso que non se adapta ao sector. "É un total descoñecemento da realidade do mar", denuncia o presidente da Asociación Española de Titulados Náuticos Pesqueiros (Aetinape), José Manuel Muñiz.

A Loreg establece un sistema "complexo" para que os embarcados de longa duración poidan emitir o seu sufraxio. Para facelo, deben solicitar por radiotelegrafía un certificado de inscrición no censo á xunta provincial á que pertence a localidade na que están empadroados. Esta oficina é a encargada de enviar a documentación necesaria para emitir o voto por correo.

O solicitante debe precisar a data e o porto no que tomará terra, onde será remitida a documentación. No caso de que non se poida achegar a terra, a lei recolle a posibilidade de que unha embarcación coa que ten previsto atoparse en alta mar lle achegue os papeis. Para iso, o mariñeiro debe especificar o armador, consignatario ou buque que recollerá en terra os documentos.

Unha vez completado este paso e coa documentación na súa man, o embarcado só podería emitir o seu voto no caso de que o buque tome terra para así proceder ao envío da súa papeleta, que deberá chegar dentro do prazo que establece a lei electoral --24 de abril, nesta convocatoria-- para que poida ser tido en conta.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), nas eleccións xerais de decembro de 2015 só sete embarcados en toda España solicitaron o voto por correo, tres deles na provincia da Coruña. Medio ano despois, na repetición dos comicios ás Cortes celebrados en xuño de 2016, o número elevouse no conxunto estatal a 21, dous deles na provincia da Coruña e outros dous en Pontevedra.

FALTA DE "VONTADE POLÍTICA"

O voto por correo como única vía para votar "pode servir para unha persoa cunha residencia nun domicilio fixo; para os mariñeiros, non". Así de tallante móstrase Manuel Muñiz, que denuncia que a falta de alternativas supón "privar" a este colectivo do seu "dereito constitucional a elixir os seus representantes".

A reforma da lei electoral para facilitar o voto dos mariños mercantes e os que faenan en alta é mar é, desde hai máis de tres décadas, un dos cabalos de batalla de Aetinape, que ve "falta de vontade política" para afrontar os cambios que permitan "acabar con esta discriminación histórica cara a un colectivo que xa ten de seu unhas condicións de vida dura", marcadas polo "illamento familiar e social" que implica permanecer embarcado durante meses.

"Cheguei á conclusión de que, ao ser só unhas 10.000 persoas que non poden mover maiorías, non hai interese por que poidan votar", asevera Manuel Muñiz. "Se fósemos 10 millóns como os xubilados, terían cambiadp a lei xa hai moito tempo", apostila o presidente da asociación.

Muñiz lembra que a normativa que rexe os procesos electorais foi modificada para que os militares en misión fóra do territorio español puidesen votar e protesta ante o que considera un "agravio" cara ao colectivo do mar.

Aetinape pon sobre a mesa dúas solucións para que as persoas embarcadas poidan votar: o desenvolvemento dun voto telemático a través de Internet ou a constitución dunha mesa electoral no buque que, unha vez emitidos os sufraxios, se encargaría de envialos á circunscrición á que pertence cada elector.

"Ningún partido, nunca en 35 anos, nos dixo que isto é desatinado ou inviable desde o punto de vista xurídico", incide Manuel Muñiz, que lembra que no ano 2001 o Congreso dos Deputados debateu tres proposicións non de lei sobre a inclusión de mecanismos na lei electoral para atender a demanda dos embarcados de longa duración.

No entanto, 18 anos despois, a reforma da Loreg permanece nun caixón e a noite do próximo domingo 28 de abril miles de mariñeiros seguirán desde os seus barcos, navegando a centenares de quilómetros dos seus fogares, o resultado doutras eleccións xerais nas que a inmensa maioría non participaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta