Temas: A CORUñA

Morre Joaquín López Menéndez, o alcalde que reclamou a capitalidade de Galicia para A Coruña

Tiña 80 anos. Accedeu ao mando do Concello en abril de 1981 tras unha moción de censura. O Concello da Coruña acolle este martes a capela ardente polo ex-alcalde herculino.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/04/2019 | Actualizada ás 22:17

Comparte esta noticia

Joaquín López Menéndez morreu este domingo no seu domicilio da Coruña, informaron a este xornal fontes achegadas. 

Joaquín López  Menéndez, no cartel da UDC como candidato a alcalde da Coruña nas primeiras eleccións municipais tras a ditadura franquista.
Joaquín López Menéndez, no cartel da UDC como candidato a alcalde da Coruña nas primeiras eleccións municipais tras a ditadura franquista.

Menéndez, de 80 anos, era enxeñeiro de camiños e foi xefe do servizo de vías e obras da Deputación da Coruña. Na política local meteuse de cheo cando foi elixido concelleiro como cabeza de lista pola UCD e foi alcalde da Coruña tras a moción de censura presentada contra o nacionalista e primeiro rexedor da cidade tralo fin do franquismo, Domingos Merino (Unidade Galega) o 1 de abril de 1981. Menéndez gañara as eleccións con oito concelleiros, pero Domingos Merino, cuxa candidatura obtivera cinco representantes, conseguiu un pacto de esquerdas para gobernar a cidade.

Se por algo foi popular Menéndez como alcalde, foi pola súa reivindicación para A Coruña da capitalidade de Galicia, chegando mesmo a declarar tres días de loito oficial en abril de 1982 e convocar unha manifestación en xuño para conseguila. Nas eleccións municipais de 1983 presentouse polo partido de ámbito local A Coruña Unida conseguindo manterse no consistorio como concelleiro.

CAPELA ARDENTE 

O Concello da Coruña acollerá este martes a capela ardente polo ex-alcalde herculino Joaquín López Menéndez --falecido o domingo no seu domicilio aos 79 anos--, segundo informou o rexedor, Xulio Ferreiro, tras a Xunta de Goberno.

En concreto, explicou que, tras trasladar as condolencias á viúva do que foi alcalde da Coruña entre os anos 1981 e 1983 por Unión de Centro Democrático (UCD), comunicou tamén á familia a posta a disposición do Palacio Municipal de María Pita para instalar a capela ardente. Será pola mañá e a unha hora aínda por concretar, en función de cando teña lugar o enterro ou como dispoña a familia, cando permaneza aberta a capela ardente no Consistorio coruñés, segundo explicou Xulio Ferreiro.

De Joaquín López Menéndez, destacou o feito de que fose rexedor "nun tempo complicado e convulso". "Pero no que era posible discutir, falar e cos intereses da Coruña no centro do debate", apostilou. Por outra banda, confirmou que os actos programados para o martes con motivo da conmemoración do 40 aniversario da primeira corporación democrática na cidade quedan pospostos ata nova data por concretar.

O alcalde herculino realizou estas manifestacións antes de informar os asuntos da Xunta de Goberno, entre eles a revisión de prezos do contrato de tratamento de residuos urbanos conforme ao IPC ou a adxudicación do servizo da escola intercultural, que prestará servizo a 3.000 menores co obxectivo de promover a "convivencia e a integración" coa comunidade inmigrante.

Temas: A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta