Galicia, líder en índice de accidentes laborais mortais ao duplicar a media estatal

Pesca e agricultura sitúanse á cabeza das estatísticas, aínda que todos os sectores aumentan a súa sinistralidade menos construción. Houbo 50 falecidos o ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

Galicia situouse en 2018 como a comunidade autónoma española cun maior índice de accidentes laborais mortais, con ata 50 falecidos o ano pasado, o que supón 6,05 persoas finadas en xornada laboral por cada 100.000 traballadores, fronte á media estatal, que se situou en 3,24, segundo datos do 'Informe de Sinistralidade Laboral en Galicia en 2018' elaborado por Comisións Obreiras (CC.OO.).

Galicia, a comunidade autónoma con maior índice de accidentes laborais mortais, con ata 50 falecidos en 2018
Galicia, a comunidade autónoma con maior índice de accidentes laborais mortais, con ata 50 falecidos en 2018 | Fonte: Europa Press

O sindicato sinala que dos 50 mortos galegos, 48 foron homes, o que supón oito máis que en 2017, mentres que dúas foron mulleres, unha menos que o ano anterior.

Así, as causas máis frecuentes de mortalidade laboral foron os infartos e outras patoloxías non traumáticas, con 16 accidentes, un 32% do total, así como os esmagamentos e amputacións, con 12 casos, un 24% dos accidentes mortais. A continuación están os choques ou golpes contra obxectos en movemento (11), os afogamentos e sepultamentos (6) e as caídas ou golpes con esmagamentos contra obxectos inmóbiles, (5).

A pesca foi o sector de actividade con maior índice de incidencia de accidentes mortais. O segundo posto ocupouno a agricultura e o terceiro a construción. Por baixo da media só se situaron a industria e os servizos. Así mesmo, todos os sectores aumentaron os seus accidentes mortais menos a construción.

PROVINCIAS

Por provincias, na Coruña morreron o ano pasado 18 persoas mentres traballaban, 17 en Pontevedra, así como 12 en Lugo e 3 en Ourense. Con todo, o maior índice volve ser o da provincia lucense, xa que morreron 12,15 persoas por cada 100.000 traballadores.

Segundo destacou o secretario de Saúde Laboral de CC.OO., Roi Fernández, estes datos son debidos a tres causas principais. En primeiro lugar, pola "falta de traballo en prevención", en segundo lugar "a alta precariedade do mercado do traballo en Galicia", e ademais polo "elevado peso que os sectores primarios" teñen na economía, "onde se rexistran a maior parte destes sinistros".

Por todo iso, CC.OO. pediu a derrogación da reforma laboral, xa que, ao seu xuízo, "fomenta a precariedade laboral", polo que "está asociada aos accidentes de traballo".

ACCIDENTES CON BAIXA

Pola súa banda, Comisións Obreiras contabilizou un total de 30.972 accidentes de traballo con baixa laboral, o que supón un 0,02% máis. Con todo, debido ao aumento do número de traballadores en Galicia, o índice medio descendeu un 0,64%.

De todos eles, 3.031 foron 'In itinere', mentres que máis de 27.940 durante a xornada laboral. Así mesmo, CC.OO. destacou que a incidencia dos accidentes é maior nos homes que nas mulleres.

Por tipos de contratos, os autónomos tiveron en 2018 máis de 1.180 accidentes con baixa na súa xornada laboral, mentres que os empregados con contrato indefinido accidentaron preto de 15.100 veces e 11.640 os temporais.

Neste sentido, o sindicato explicou que as persoas cun contrato temporal sufriron o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo só representa o 26,6% da poboación asalariada. "Resulta evidente que a sinistralidade tamén vai da man do traballo precario", criticou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta