Pontevedra non se vende

Nove. É o número de veces que o Partido Popular mantivo contactos directos con responsables da empresa Ence dende 2006. En todos eses encontros houbo un único punto na orde do día: o traslado do complexo instalado en Lourizán dentro da bisbarra.

Por Telmo Martín | Pontevedra | 19/12/2011

Comparte esta noticia

Feitas públicas as decisións da Xunta de Galicia sobre Elnosa e máis Ence, Pontevedra atopouse esta semana cun comunicado da última destas empresas, que pide aos políticos apoio para seguir onde está despois de 2018, data na que caduca a concesión da Lei de costas. Di tamén que o traslado suporía un custo ao que a firma non podería facer fronte -o esforzo non debería ser un problema se ao longo prazo hai beneficios e potenciación industrial- e utiliza os empregos que xera como un parapeto para perpetuarse alí onde nunca debeu estar.

Ence nunca falou con tanta rotundidade e inflexibilidade ao Partido Popular, en ningún dos encontros cualificou de “inviable” o traslado. A empresa está a xogar coa sensibilidade da cidadanía pontevedresa, porque falar hoxe de destrución de postos de traballo -nada máis lonxe do interese do Partido Popular, que precisamente defende unha opción que garante o emprego e potencie a industria madeireira- é xogar cos sentimentos dos pontevedreses. Equivócanse, porque a estas alturas a meirande parte das persoas quere recuperar a fachada marítima. Pontevedra non está en venda, e co seu comportamento Ence está a demostrar que non lle interesan a cidade nin os postos de traballo. Así de sinxelo.

De feito, Ence incluso viu con bos ollos a proposta presentada no seu día polo PP local. Houbo rexeitamento entre veciños da zona, pero ninguén foi quen de rebater, con papeis, que alí hai as condicións para que Ence quede na nosa bisbarra. A idea do Partido Popular pode gustar máis ou menos, non é a única posibilidade. Pero foi resultado dun traballo rigoroso e constante para que Pontevedra non perda emprego é, a vez, recupere uns dos mellores terreos que se poden adicar ao lecer.

As ideas do Partido Popular están claras, a postura é firme. Tamén a da Xunta de Galicia, que por activa e por pasiva ten deixado ben claro que o complexo non ten futuro en Lourizán máis alá de 2018. Faltan seis anos e haberá que poñer o resto para buscar solucións. A empresa non debe perder máis tempo: tócalle facer os deberes dos que non se encargou ata o de agora. E facelo con respecto a todos os pontevedreses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA