A Xunta Electoral desautoriza o acto de conmemoración da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral

Vía Galega denuncia que "se coarta o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais", xa que o acto estaba programado para o 27 de abril, véspera das eleccións xerais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A Plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais, vén de recibir a comunicación da Xunta Electoral Provincial que denega a celebración do acto programado para o próximo día 27 de abril, co que se pretendía dar a coñecer e conmemorar os feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral.

Monumento aos Mártires da Liberdade de Carral.
Monumento aos Mártires da Liberdade de Carral.

Segundo a portavocía nacional de Vía Galega, a Xunta Electoral Provincial alega como motivo para non autorizar este acto a coincidencia da data coa xornada de reflexión e ”ante el riesgo de que en el curso de la manifestación se produzcan actos de campaña electoral que puedan incidir en el ejercicio del derecho de voto”.

A plataforma denuncia a "prohibición destes actos", por "coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan", argúen.

O acto estaba previsto para o vindeiro sábado, no que se ía representar a peza teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María, seguida dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires.

Ante o que considera un "recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza", Vía Galega opta por "mudar o formato do acto e a data", co que se limitará a realizar unha ofrenda floral un día antes, o venres 26 de abril, ás 12:00 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade, en Carral.

Vía Galega explica que pretendía, con este acto, "dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista".

Aqueles feitos, proseguen, "quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está en Carral".

Vía Galega fai chamado á participación na ofrenda floral programada para o proprio venres 26 de abril, ás 12,00h., ao pé do devandito monumento, así como a colaborar na difusión do audiovisual conmemorativo editado e que nos próximos días estará dispoñíbel na web www.viagalega.gal e nas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta