Os socialistas galegos cren que Sánchez "saíu indemne" do debate e o BNG lamenta a "ausencia" de Galicia

Antón Sánchez (En Marea/Anova) afirma que non viu o debate entre os candidatos do PSOE, PP, Ciudadanos e Podemos á Presidencia do Goberno español. O PPdeG defende que Pablo Casado "é a única alternativa" e ve "noqueado" o presidente do Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Os grupos con presenza no Parlamento de Galicia reaccionaron este martes aos ecos que deixa o primeiro debate televisivo dos candidatos das principais forzas políticas de cara ás eleccións xerais do próximo domingo. Mentres que para o PSdeG o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "saíu indemne" dos intentos "por acantoalo" do resto de candidatos; o PPdeG defende que o careo demostra que Pablo Casado "é a única alternativa" a un socialista que ven "noqueado".

28A.- Canarias, cun 31,5% de cota de pantalla, Comunidade con menos seguimento do debate electoral. Ricardo Rubio - Europa Press
28A.- Canarias, cun 31,5% de cota de pantalla, Comunidade con menos seguimento do debate electoral. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

Tamén deixaron as súas impresións sobre o debate celebrado na noite do luns en TVE os representantes de BNG, Olalla Rodil --que censurou que "Galicia estivese ausente"-- e En Marea, Antón Sánchez, que afirmou que non viu o encontro porque se atopaba reunido, aínda que si comentou que non lle sorprende que o debate virase ao redor da realidade estatal porque "o réxime do 78 pretende negar o carácter nacional de Euskadi, Galicia e Cataluña".

Ademais de viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova, formación nacionalista que non concorre ás eleccións xerais despois de optar por non presentarse baixo o paraugas de En Marea e tras fracasar as negociacións para a súa inclusión na coalición de En Común, na que participan Esquerda Unida e Podemos.

Así as cousas, o portavoz socialista na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, comentou que, ao seu xuízo, o presidente do Goberno e candidato socialista, Pedro Sánchez, resistiu e "saíu indemne" dos intentos por "acantoalo" por parte do resto de participantes no debate --Pablo Casado (PP), Pablo Iglesias (Unidas Podemos) e Albert Rivera (Ciudadanos)--.

Por iso, Leiceaga considera que Sánchez realizou "unha defensa sensata e razoable do seu goberno" que evidencia que "a única alternativa razoable é o Partido Socialista", polo que confía en que o candidato do PSOE manteña a liña exposta a noite do luns no debate previsto para este martes nas canles de Atresmedia.

Pola súa banda, o viceportavoz popular na Cámara e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, realizou unha lectura oposta do vivido en RTVE o pasado luns. "Vimos a un Pedro Sánchez sen propostas, noqueado e excedido", aseverou, antes de teorizar con que esta actitude evidencia "por que" o presidente do Goberno "non quería debater".

Tellado cre que o primeiro dos debates desta campaña deixou "a un novo" Pablo Iglesias "contitucionalista, acomodado e fóra de sitio que descubriu onte (o luns) as vontades da Constitución que tanto insultou"; e que se viu a un Albert Rivera "desnortado no seu antisanchismo".

"Casado demostrou ser a única alternativa ao PSOE, o único que demostrou ter un programa viable e propostas sobre política territorial, economía e política social, que é o que lle interesa á xente", incidiu.

Para a deputada nacionalista Olalla Rodil o debate de RTVE foi "bastante predicible" e demostrou que "ningunha das forzas políticas estatais ten interese por dar prioridade aos intereses de Galicia", polo que erixiu o BNG como "única forma de que os problemas de Galicia estean vixentes no próximo período lexislativo" das Cortes.

Tamén se referiu a o acontecido na noite do luns o portavoz de En Marea, Luís Villares. Fíxoo desde Lugo. Para Luís Villares, o debate constituíu unha "estafa piramidal" porque "se fixo crer a toda a cidadanía que ese catro persoas representaban a todo o país e non é verdade porque a cidadanía de Galicia non viu representado os seus problemas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Blokeire

E logo o xefe non era galego? Se ata se despediu en galego e todo... Menos leria hipócrita e cínica antiBNG, é a única opción galega. Non matedes á víctima dos madrilegos. Adiante con todo!

2 Fer

A mentira de Ana Pontón e Luis Villares, xunto dos dirixentes, todos do BNG e de En Marea, como responsables do fracaso, deben dimitir o 28A pola noite! O País e a xente deben estar por riba do negocio dos partidos e vividores do BNG e de En Marea! Non merecen representarnos! Son líderes fracasados! Colocan os intereses personais, vivir da política como profesión, e dos asesores liberados, por riba dos comúns dos galegos! E iso, descuberto o negocio, e fracasados nos resultados, fai que deban dimitir xa!

1 Fer

O BNG non lamenta nada. De querer, de verdade, podería intentar unha candidatura plural, de unidade, con En Marea, e habería 2 deputados de obediencia galega como mínimo (podendo aspirar a grupo propio). Desde hai tres décadas nunca caemos tan baixo, e nun momento en que Ciudadanos, sen base e con un mísero concelleiro (Lugo, Pontevedra e Ferrol), vai sacar representantes... O nacionalismo galego pode quedar por baixo dos fascistas de Vox. A estratexia errada dos dirixentes do BNG e En Marea vai pasar factura. Ter alcaldes en Pontevedra, Coruña, Compostela ou Ferrol, en vinte vilas, vicepresidentes nas deputacións e ser segundos e cuartos en deputados no parlamento galego, non serve para nada! A CIG, sindicatos agrarios e de estudantes, asociacións varias, tampouco fan país! A grande mentira esta se destapando...