Estudantes organizan un peche na Facultade de Políticas da USC para denunciar o abandono do centro

Será este mércores 24 abril ás 12:00 para chamar a atención, entre outras cousas, sobre o mal estado das instalacións e irregularidades entre o profesorado.

Por Beatriz G. Caneda | Santiago de Compostela | 23/04/2019 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Xuntas por Políticas convoca o peche da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela este mércores 24 de abril ás 12:00. O grupo de estudantes denuncia o mal estado das instalacións pero tamén outros problemas no centro como “irresponsabilidade laboral” por parte dalgúns profesores.

Facultade de Ciencias Políticas
Facultade de Ciencias Políticas | Fonte: Google Maps

"Todo o sistema de cableado da facultade está cristalizado e en calquera momento pode provocar un incendio”, declara unha das súas representantes, “o decanato comunicouno ao reitorado e déronlle largas”. Ademais, denuncian a falta de enchufes: “hai catro por aula, cunha capacidade de 100 persoas, e nalgunhas, nin sequera funcionan”.

Dende Xuntas por Políticas denuncian tamén “irresponsabilidade laboral” por parte de profesores. Unha das súas representantes afirma que hai profesores que “dan clases que non teñen que dar,  hai cinco profesores para unha materia na que só pode haber tres e hai bolseiros dando clases que non teñen que dar ”.

Piden ademais unha solución para os problemas de conciliación que teñen coas prácticas. Dende o grupo de estudantes afirman que a súa é a facultade cun dos períodos máis longos en prácticas, 550 horas non remuneradas, e que se fan moitas veces incompatibles coas xornadas laborais de estudantes que necesitan traballar para pagar os estudos.

“Tivemos unha reunión co decanato pero dánsenos largas”, afirma unha das representantes. Con este peche esperan obter respostas por parte do reitorado, decanato e profesorado así como que se solucionen os problemas máis importantes.

“Entendemos que hai cousas que non se poden solucionar da noite a mañá pero queremos ver responsabilidade e ver que se escoita a voz das alumnas que levamos tanto tempo queixándonos”, afirman dende Xuntas por Políticas, “non son queixas illadas senón comúns e xerais, na carreira, na facultade”. O peche será unha das primeiras accións levadas a cabo polo grupo constituído fai uns meses para buscar solucións aos problemas do alumnado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta