En Común-Unidas Podemos : "Este domingo temos que parar o fascismo"

"Nunca pensamos que no século XXI teriamos que combater o peor da historia do noso país, nin facer campaña con xente que quere baixar o Soldo Mínimo Interprofesional" apuntou Yolanda Díaz.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2019 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

En Común-Unidas Podemos reivindicou este martes unha "república feminista" porque, ao seu xuízo, "o futuro é unha república e se non é feminista, non será" e asegurou que nas próximas eleccións xerais deste domingo "hai que parar ao fascismo".

Así o destacou nun acto de campaña celebrado en Santiago de Compostela, onde estiveron presentes, entre outros, a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Yolanda Díaz, a cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez Reino, así como o parlamentario europeo Ernest Urtasun.

"Nunca pensamos que no século XXI teriamos que combater o peor da historia do noso país, nin facer campaña con xente que quere baixar o Soldo Mínimo Interprofesional, que humildemente dous galegos, entre os que me inclúo, conseguiron arrincar ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez", lamentou Yolanda Díaz.

Neste sentido, subliñou que á dereita "hai que derrotala democraticamente", porque "non se pode permitir que sigan arrebatando dereitos nin ás mulleres nin aos pensionistas". "Está en xogo a Democracia, que gobernemos os de abaixo fronte aos de arriba", asegurou a candidata de En Común, quen destacou, entre outras propostas da organización, a creación dunha axencia pública de enerxía para "baixar o recibo da luz".

ALTERNATIVAS

Segundo o partido morado, existen varias alternativas nestas eleccións: ou que goberne a dereita "trifachita" (PP, Cs e Vox), que goberne o PSOE con Cidadáns ou que haxa un goberno de "progreso". "Cando o PSOE é forte, fai políticas de dereitas", lamentou Gómez-Reino, quen pediu unha "gran mobilización" para conseguir un "goberno progresista que cumpra con Galicia".

Ademais, En Común-Unidas Podemos reivindicaron o seu labor no Congreso na última lexislatura "levando cada loita de cada barrio, vila, cidade" a Madrid. Así mesmo, aseguraron que "o único voto útil" é En Común-Unidas Podemos, aínda que recoñeceron que "non está a ser unha campaña fácil". "Sabemos que despois do 28 de abril, hai un 29, e imos seguir traballando", subliñou Díaz, quen insistiu na necesidade de "seguir tecendo desde abaixo, co corazón á esquerda e cun proxecto propio que se chama Galicia".

28A.- En Común Reivindica Unha 'República Feminista': 'Este Domingo Temos Que Parar Ao Fascismo'
28A.- En Común Reivindica Unha 'República Feminista': 'Este Domingo Temos Que Parar Ao Fascismo' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

pois a min gostaríame baixarlle o Soldo a Yolanda Díaz & Eva Solla !!! e non será porque teñamos carencias republicanas !!!