Por Xurxo Salgado | A Coruña | 25/04/2019 | Actualizada ás 14:00
Vox, que predica ser o aire novo da dereita, semella que tamén colleu os vicios do PP, o partido, din, “dos corruptos” e do “clientelismo político”. Pero, esa suposta limpeza ideolóxica que defende aos catro ventos Santiago Abascal está moi lonxe de aplicarse nas estruturas internas do seu partido. E un exemplo está no que está acontecendo nas listas municipais que este partido quere presentar na provincia da Coruña.
Segundo puido saber GC de persoas directamente vinculadas coa dirección de Vox, existe un risco importante de que este partido só se poida presentar en Santiago e Ferrol, ante os problemas e “boicots” xurdidos nas listas da Coruña e Sada polo intento dalgúns direxentes de impor a determinadas persoas nos postos de saída.
De feito, esta “imposición” de candidatos está a provocar problemas e rebelións en todas as candidaturas que, ata o momento, Vox quere presentar na provincia da Coruña. Son as de Sada, A Coruña, Ferrol e Santiago. E son nestas últimas localidades, senón se resolve a distribución de postos, as que poderían quedar sen presentarse.
TEMOR EN MADRID
É de tal calibre o problema que a dirección en Madrid deu xa un toque importante e, a través de intermediarios, está tentando resolver os problemas creados. Algúns apuntan directamente ao presidente provincial, Pablo Cancio, outros sinalan que o problema está no vicesecretario provincial, Darío Martínez, porque "prometeron postos a moita xente e logo non puideron cumprir a súa palabra”. Ata o propio Iván Espinosa de los Monteros y de Simón, vicesecretario de relacións Internacionais de Vox e moi vinculado con Abascal, está involucrado no lío de Vox en Galicia.
En case todas as listas, o problema está nos postos que se lle prometeran ocupar a determinadas persoas e que, agora, xa non son os que eran. Isto provocou, segundo as fontes consultadas, que algunhas desas persoas se neguen a ser movidas das listas e tamén a que fixeran chamamentos entre elas a non “obeder” á dirección e a realizar “boicots”.
FIRMAS DOUTRAS PERSOAS
Pero, segundo esas mesmas fontes, membros da dirección terían asinado xa as actas que hai que presentar ante a Xunta Electoral en nome de determinados candidatos aos que non se lle tería comunicado aínda en que posición desa candidatura van. “Iso pasa porque este partido é novo, porque non hai estrutura e porque os dirixentes son novos e non teñen experiencia política”, apuntan.
Pero a maior tensión se tería producido na Coruña, onde se situou a quen ía a ser a número dúas, unha recoñecida médico da Coruña, no posto cinco, para meter no dous a quen vai de candidato ao Senado, Francisco Javier Somoza, que di ter traballado no sector da banca. “Ao parecer presume de que falou con empresas e bancos dándolle a entender que sairía elixido”, din as fontes consultadas. Somoza tería ameazado cunha crise senón o colocaban de número dous.
E, de feito, as previsións de Vox son sacar dous concelleiros pola Coruña. Por iso os postos de saída están tan cotizados. E, así, o presidente provincial, Pablo Cancio, irá na de Santiago e o vicesecretario provincial, Darío Martínez, encabezará a lista en Fene, mentres que María Jesús Herrero Martínez, que vai de número dous nas listas ao Congreso, encabezará a da Coruña e Patrica Castro, na de Ferrol.
TEMOR A UN “FRACASO MONUMENTAL”
“Hai que facer equipo porque senón hai cohesión pois comezan os problemas xa que a falta de cohesión é o principal problema dos grupos políticos”, din. Con todo, se a dirección de Vox en Galicia non consegue solventar os problemas que ten coas listas cabe a posibilidade de que non se poidan presentar en Sada e A Coruña. Este mércores publicáronse as listas provisionais, pero haberá que agardar ao luns para que saian publicadas de xeito definitivo. A dirección en Madrid apremia para fechar canto antes as listas porque só hai un apoderado para presentar estas candidaturas en tempo e forma.
Non presentar, cando menos, algunha desas catro candidaturas, sería un “fracaso monumental” para Vox en Galicia. E iso iso implicaría a intervención directa de Abascal e, probablemente, cambiar a toda a dirección do partido. Con todo, xa hai dirixentes que anuncian que pedirán dimisións unha vez que conclúa este proceso. É a primeira crise seria de Vox en Galicia sen ter tocado aínda nada de poder. “Son os problemas dos partidos que din que veñen a rexenerar e logo fan o mesmo que o resto”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.