A ruptura do bipartidismo anima aos máis novos a participar nas eleccións

A desafección, a desilusión, a concepción da política como un elemento máis molesto que práctico, así como a idea de que todos os políticos “son uns ladróns”, fixeron que a xente máis nova con dereito a voto non votase ou o fixera despois de varios anos. A maior parte deles defende de maneira case visceral o voto a formacións de nova aparición, como C's, Vox, En Marea ou Podemos. Outros, os menos,apostan polas formacións tradicionais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A propaganda electoral nas redes sociais e nas diversas opcións da Rede permite aos partidos políticos achegarse á xente nova, sobre todo á que está en idade de votar. Se aínda a lei que permite enviar mensaxes electorais mediante RR SS está aínda en estudo no Constitucional, por posible vulneración do dereito á intimidade, en contradicción coa filosofía da Lei Oficial de Protección de Datos, o feito é que as forzas políticas viron xa unha mina para extraer votos.

votación urna
votación urna | Fonte: EP

Curiosamente, aqueles partidos que forman parte do mapa político “tradicional” aínda tardaron e adaptarse ás novas plataformas dixitais. Si tiñan as súas páxinas de Facebook, blogs, Whatsapp, etc. E de súpeto, as novas formacións nacidas desde comezos desta década que remata, Unidas Podemos, Ciudadanos, As Mareas e Vox, souberon recoller moi ben a oportunidade que lles chegaba tamén con Twitter, Instagram, Sanpchat, Periscope e Telegram.  Mais a cuestión é se os mozos e as mozas senten ganas de votar, de se están animados e animadas para facelo ou se pola contra, as intencións son nulas aínda que haxa intentos e chamadas por parte da clase política para facelo.

VISIÓN DE ADULTOS

“Ás veces é como se trataran á xente nova como se non tivesen cerebro ou como se aínda fosen nenos pequenos” di Marcos, profesor de secundaria que non quere dar máis datos. “Que fan algúns partidos para captar votos entre xente nova? Poñer un rap e ademais, malísimo” Marcos non pode evitar rirse. “A ver, a maioría destes mozos e mozas escoitan outros estilos ademais do rap, pero os políticos parece que é o único ritmo que asocian con mocidade”. Tampouco é tanto así, houbo campañas onde a banda sonora levárona grupos de diferentes estilos que, pecando de inexpertos, estarían dentro do denominado “pop”, mesmo o “bravú” tivo a súa aportación e agora o reguetón e semellantes están entrando nas cuñas dos partidos.

“O caso é que eu non vexo desafección coa política, vexo máis desconexión entre a realidade da xente nova e a realidade que “ven” os partidos políticos” analiza Marcos. “No instituto vexo como hai unha inmensa maioría que fala sobre políticos só porque os ven de casualidade na TV, na rede ou porque escoitaron falar os seus pais, e con todo, a política é un elemento moi alleo dentro das aulas”. O profesor teno claro, “son sobre todo reproducións de conversas dos pais ou doutros adultos aos que teñen por referente, pero tamén vexo que reproducen moito as mensaxes que aparecen nos medios ou na Rede”.

O portal www.iknowpolitics.org sinalaba que o 1´9% das mulleres e homes menores de trinta anos chegaron a ser representantes parlamentarios. Unha explicación que dá este portal é que “a xente nova é afastada ou discriminada directamente pola súa presunta falta de experiencia, idade e oportunidades limitadas”. Pero é así ou é que está sementada a desafección a mantenta dentro da mocidade?

Carlos Cigarrán, director de Sondaxe responde que a poboación de entre os 18 e os 30 anos “é certo que teñen máis desafección que a xente maior de 30 anos, mais esta postura vai desaparecendo a medida que aparecen novos partidos, antes era máis acusada durante o bipartidismo PP-PSOE, aínda así segue sendo alta dentro desa marxe de idades”. Mais os motivos detrás da intención de non votar ou da desafección política son descoñecidos para Cigarrán “porque nunca fixemos unha pregunta así, por que non queren votar, por tanto os motivos son descoñecidos para nós”. “A época con maior desafección política foi na época do bipartidismo, e a maior baixada de desafección foi a partir do proceso catalán, mais eu non creo que ese nivel de desafección sexa máis grande na xente nova que na maior, ás veces é menor entre a xente nova”.

Indo cara o terreo da Internet e sobre todo das redes sociais, preguntámoslle a Carlos Cigarrán se a incorporación destas últimas como plataforma emisora de mensaxes políticas ten máis incidencia sobre o voto da xente nova. “Se falamos de forzas políticas novas como Podemos, Ciudadanos e recentemente Vox, é certo que Vox traballa moito as redes sociais, mais pola contra non ten o seu arco electoral entre xente moi nova, senón que o seu tramo máis forte está no electorado de entre 30 e 44 anos”. No que toca ás outras dúas forzas “Ciudadanos é un pouco máis transversal no que toca ás idades, mentres que Podemos si que ten un votante máis novo”.

Con todo, as redes sociais “son un medio ao que acceden de maneira máis doada a xente nova, por iso é máis doado transmitirlles mensaxes, outra cousa é convencer ou non dependerá de cada un, entre os 18 e 30 vexo máis fortes polo menos en Galicia, a partidos nacionalistas, Podemos e outros de esquerda” remata Cigarrán.

VOTAS?

Era lóxico tentar preguntar a persoas novas se queren ou non queren votar. A maioría de xente nova coa que falamos eran universitarios de dezaoito anos e din que non o van facer ou que non  saben aínda. “Non sei, non decidín, hai algún partido que me chama máis ca outro, pero non sei” di un estudante diante da Facultade de Historia. “Si eu vou votar porque hai que frear a ultradereita”, di unha muller de case trinta anos “é unha cuestión de ideoloxía e de xénero, non podemos deixar que cheguen ao goberno os que falan de familia tradicional e de perda de dereitos para a muller”.

“Sempre vou votar, aínda que sexa nulo, entendo que votar non é a máis importante das accións políticas pero é unha máis e non vou renunciar a ela” di Iván, traballador administrativo. “Irei votar, por meno á extrema dereita que se manifesta en tres partidos” di S., tamén traballador. “Cambiei de opinión e irei votar, non me gusta a dereita” di Carme, empregada de hostalaría.

“Si, votarei, xa que estamos en suposta democracia, para exercela” di Rubén, informático. “Eu votei por correo e creo que é un deber cidadán, porque senón estou vendo que retrocederemos 40 anos” di Manuel que non quixo dar máis datos. “Irei votar porque creo que é máis necesario ca nunca para frear o avance da ultra dereita” di Lara. “Non quero que os socialistas sigan no goberno, está deixando que os radicais gobernen e que os cataláns fagan o que lles dá a gana” apunta Marta, estudante.

“Voto a Ciudadanos, non me importa dicilo, é xente moi nova, creo que teñen as ideas máis claras e porque Rivera é unha cara máis fresca” sinala Eva, tamén estudante. “Rajoy non tivo tempo de gobernar, e ademais, a moción de censura foi a traizón, votarei a Casado, que tamén é máis novo que Sánchez, porque sempre están falando de renovación da política desde o PSOE” apunta Alberto, recén  licenciado. "Eu votarei por En Marea porque penso que logo do traballo que fixo Alexandra Fernández en Madrid é a forza que mellor vai defender os intereses de Galicia", apunta Carlos, de Xornalismo. Pola contra, Marta, compañeira súa decantase por Unidas Podemos porque cre que son os que mellor entenden as necesidades dos mozos.

Non existe máis ou menos desafección entre a xente nova de cara a política, senón que esta vai variando coa época e coa idade, segundo os expertos. As novas tecnoloxías serven para comunicar máis rápido as mensaxes políticas, mais non son unha ferramenta tan decisiva entre os votantes, apuntan as mesmas voces expertas. Resumindo, a desafección nace cando a política se transforma nunha case obriga e cando non hai moitas alternativas onde escoller. Por iso o dinamismo ideolóxico e a apertura do abano electoral permiten unha baixada de desafección entre os e as votantes máis novas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Zosimo

Non sei ónde fixestes as entrevistas pero na miña vila fundouse nistes últimos meses Galiza Nova do BNG cunha chea de mocidade (algunha mesmo castelánfalante). Iso da desideoloxización non vai con eles, todos novos, todos antifascistas e con Galiza como patria. Aínda teño esperanza nestas xeracións!

1 FARTO DAS FAKE NEWS DO BNG

Curiososo. Esta información xa leva tempo e veñen os do Bloque o día das eleccións a facer proxelitismo. Aquí se ve perfectamente o que é esta xente. Actúan igualiño que o PP, coas mesmas tácticas ca dereita, e utilizando, ademais, mentiras e fakenews para enganar. En que pobo se fundou esa nova Galiza Nova?, cantos militantes ten?, cantos son castelánfalantes (desde cando o BNG fai bandeira dos castelánfalantes???, todos eles antifascistas????? e tamén, todos eles, soberanistas???. Apoian a Puigdemont e a independencia de Catalunya????. POR FAVOR, UN POUCO DE SERIEDADE NO DÍA NA QUE SE DECIDE MOITO, MOITO EN GALIZA E NO ESTADO.

2 FARTO DOS FAKE FARTOS

Eu votei Anova-Podemos-mareas (grande invento do velho para afundir a Galiza) e agora vou votar BNG