A CRTVG insiste que deu unha "cobertura adecuada" á información sobre a Valedora do Pobo

O PSdeG acusa á CRTVG de "manipular" e de eludir nalgunhas informacións que a persoa "enchufada" era irmá do portavoz parlamentario do PP

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou que os medios públicos galegos realizaron unha "cobertura adecuada" da noticia sobre a Valedora do Pobo e a sentenza que ratificou a nulidade dun nomeamento que realizou por tratarse de "desvío de poder".

Na Comisión da Corporación da RTVG celebrada no Parlamento, o Partido Socialista criticou a información ofrecida na TVG sobre esta noticia e que só nunha ocasión, segundo a deputada Noela Blanco, se fixese referencia a que a persoa que fora nomeada nese cargo, María Puy Fraga, era irmá do portavoz parlamentario do PP.

O dato foi rebatido polo responsable do ente público. Sánchez Izquierdo remarcou que no mediodía do 4 de abril mencionouse explicitamente que a Valedora "influíu na designación da irmá do portavoz parlamentario do Partido Popular" e que a mesma frase volveuse a utilizar no informativo da tarde.

Ademais, asegurou que os "criterios informativos" son os que "rexen na CRTVG" e debullou as noticias emitidas sobre esta noticia, que figurou "entre as grandes referencias informativas".
No caso da Radio Galega, subliñou que "a cobertura foi a adecuada, con rigor e servizo público", cun "lugar destacable" tanto nos informativos como nos programas de debate.

Na TVG, a información ofrecida no Telexornal do mediodía no día en que se coñeceu a sentenza, incluía o nome de "María Puy Fraga", con noticias de "ata tres minutos de duración" no seguintes informativos. A deputada socialista, con todo, acusou a Sánchez Izquierdo de "manipulación" para "tapar vergoñas do PP". Ademais, sinalou que nas informacións ofrecidas sobre este tema, nalgún dos informativos, non houbo "nin rastro do PSdeG nin da oposición".

Alfonso Sánchez Izquierdo director CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo director CRTVG | Fonte: E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta