As estradas autonómicas tiveron unha alta intensidade de tráfico en 2018

A Memoria de Tráfico tamén recolle os datos de intensidade media diaria de vehículos segundo as vías polas que se circula.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2019 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

As estradas autonómicas rexistraron en 2018 unha intensidade media diaria de 3.097 vehículos, un 2,2% máis que o ano anterior, con mellores datos tamén nas vías de alta capacidade. Conforme aos datos da Memoria de Tráfico que elabora anualmente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a intensidade media diaria (IMD) de vehículos superou o valor autonómico nas vías das provincias de Pontevedra, con 4.408 vehículos ao día e da Coruña, con 4.288.

Por baixo da IMD galega atópase o tráfico nas estradas de Ourense, con 1.642 vehículos ao día e o de Lugo, con 1.582. Do tráfico rexistrado polas estacións de aforamento durante 2018, o 7,5% correspondeuse con vehículos pesados, un valor similar ao ano pasado. As porcentaxes máis elevadas rexistráronse en Lugo e Ourense, con 10,5% e o 7,6%, respectivamente. A Memoria de Tráfico tamén recolle os datos de intensidade media diaria de vehículos segundo as vías polas que se circula. Nas de alta capacidade alcanzouse unha media de 8.502 coches ao día, o que se traduce nun incremento do 3,3% con respecto ao ano anterior.

En todo caso, hai que apuntar que en maio entraron en servizo os dous primeiros tramos da Autovía do Morrazo, cuxa execución obrigara a cortar ao tráfico o Corredor previamente, incidindo nos datos rexistrados tanto nesta vía como na alternativa. As cifras recollidas son o resultado de 376 estacións, das que 235 foron fixas e 141 de detección neumática. Este método permite obter información exhaustiva nun número determinado de seccións elixidas nos tramos máis significativos da vía.

Autoestrada . EUROPA PRESS - Arquivo
Autoestrada . EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta