Pontón: "O BNG está en clara remontada"

Asegura que o avance do Bloque "foi claro", a pesar de obter un 5,7% dos votos e moi lonxe da posibilidade de acadar un escano. Os nacionalistas apelaron durante a campaña ao voto útil asegurando que lle disputaban un escano a Vox.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2019 | Actualizada ás 23:41

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recoñeceu que a formación nacionalista "non conseguiu todos os obxectivos" marcados para estas eleccións, xa que finalmente non logrou recuperar a representación no Congreso que perdeu en 2015, pero destacou que a formación política está "en remontada" e tivo nesta cita coas urnas "un avance claro", ao duplicar o número de votos con respecto a 2016 --pasou de 46.000 a 92.000--.

Por iso, a imaxe de Pontón coa Executiva Nacional do BNG foi de optimismo para o futuro. Non en balde, a dirixente nacionalista augurou que este 'refacho' en "alza" seguirá nos próximos comicios municipais e tamén servirá para "acabar coa hexemonía política do PP" e "o decenio negro" de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras coñecerse os resultados do escrutinio, e despois de ter as primeiras palabras de "agradecemento para todas e cada unha das persoas que decidiron coller a papeleta do BNG"; Ana Pontón incidiu en que "o avance é claro". "Estamos en remontada, pómonos a traballar para as municipais", proclamou, antes de subliñar tamén que conseguiron "cousas que non eran sinxelas".

Pontón analizou que, nun contexto "moi polarizado", o Bloque logrou "duplicar os votos". Así, referiuse ao debate "presidencialista" e á "polarización" que houbo por parte das forzas estatais, coa apelación ao voto útil.

Respecto diso, indicou que se viu como "Galicia quedou diluída e era difícil dar o debate en clave galega". "Pero mesmo con esas dificultades, fomos capaces, con ilusión e entusiasmo, duplicar os votos", salientou. Co 96,4% escrutado, o BNG logrou 90.460 votos, fronte aos 45.252 de 2016.

Na súa intervención, Ana Pontón tamén mirou ao futuro como proxecto político. Así, referiuse a os apoios conseguidos nesta xornada electoral para asegura: "Esa aposta fai que contribuamos a construír un BNG máis forte, un proxecto común que lle tende a man a todas as persoas que levan a Galicia na cabeza e o corazón".

28A.-Pontón (BNG) Admite Que Non Lograron 'Todos Os Obxectivos', Pero Destaca 'A Remontada' E Mira Ao 26M E As Galegas
28A.-Pontón (BNG) Admite Que Non Lograron 'Todos Os Obxectivos', Pero Destaca 'A Remontada' E Mira Ao 26M E As Galegas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 M. Vila

Nun contexto igual de polarizado PNV, Bildu (en Euskadi e en Nafarroa), ERC, PdCat, rexionalistas cántabros, valencianos e canarios teñen bos resultados. Logo o problema es ti, Ana Pontón, xunto cos que te acompañan. O triste é que iso a ti e ás comparsas que te seguen non che importa, mentres dure o choio de vivir política, por iso rides. Rides dos inocentes que vos votan, rides da xente do común, rides do ideal nacionalista galego que proclamades representar.

1 TRAIDOR

Tres claves rápidas: A culpa é dos outros. Agora será dificil botarlle a culpa ao Beiras Duplicaron os apoios. O duplo de 1 é 2. Co apoio do BNG, o nacionalismo será hexemónico en Galiza no ano 3000. Xa en serio: o BNG é unha rémora para o nacionalismo e para o país. Unha vergoña