Podemos e EU forzarán a saída de Villares do Parlamento galego tralo seu fracaso electoral

O cargo de portavoz de En Marea podería ser asumido polo deputado Manuel Lago, vinculado a Esquerda Unida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2019 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario de En Marea convocou unha reunión extraordinaria para este martes na que se abordará a saída de Luís Villares como portavoz na Cámara galega, cargo que podería asumir o deputado Manuel Lago, vinculado a Esquerda Unida.

Luís Villares empraza a Sánchez a aprobar no Consello de Ministros o novo ju. EN MAREA
Luís Villares empraza a Sánchez a aprobar no Consello de Ministros o novo ju. EN MAREA

Fontes do grupo rupturista confirmaron que a reunión, promovida por Podemos e Esquerda Unida, celebrarase ao termo do pleno ordinario do Parlamento de Galicia e conta con único punto na orde do día: a remodelación das portavocías e da configuración do grupo.

Deste xeito, os deputados críticos con Villares, que conta unicamente co apoio explícito de tres parlamentarios na Cámara, pretenden forzar a saída do maxistrado lucense como portavoz do Grupo de En Marea, segunda forza da Cámara galega con 14 deputados, os mesmos que o PSdeG.

Así as cousas, os deputados de Podemos e Esquerda Unida barallan situar a Manuel Lago, de perfil independente aínda que vinculado a EU, como substituto de Villares á fronte do grupo, aínda que tamén está sobre a mesa a posibilidade de que o cargo de portavoz pase a ser rotatorio.

A fractura interna de En Marea quedou explicitada nestas eleccións xerais coa división do proxecto da chamada unidade popular en dúas candidaturas. Hai un ano, o episodio da deputada Paula Quinteiro evidenciou as discrepancias existentes no Grupo Parlamentario, que chegou a ignorar o ditame emitido pola dirección política do partido instrumental, configurado por afíns a Luís Villares.

A correlación de forzas no grupo decántase ao lado dos críticos con Villares, que unicamente goza do apoio explícito de tres dos 13 deputados de En Marea no Pazo do Hórreo: Paula Vázquez Verao (Cerna), Davide Rodríguez (Anova, aínda que crítico coa súa dirección) e Pancho Casal. Este último desvinculouse o pasado verán de Podemos Galicia, organización na que militaba, para situarse ao lado do maxistrado lucense.

CONSELLO DAS MAREAS

Pola súa banda, fontes próximas ao actual portavoz precisaron que a formación decidiu convocar unha reunión do Consello das Mareas a última hora deste luns para abordar a convocatoria deste encontro promovido por Esquerda Unida e Podemos.

Con todo, polo momento, declinaron pronunciase sobre a posibilidade de que estes partidos, cos que ata agora comparte grupo parlamentario, queiran promover o seu cesamento como portavoz e emprazou á xornada do martes para facer valoracións.

RESULTADO DAS XERAIS

Os resultados que arroxaron as eleccións xerais deste domingo, nas que as forzas que forman o Grupo Parlamentario en Galicia concorreron por separado —EU e Podemos formaron a coalición En Común Unidas Podemos, os afíns a Villares quedaron coa marca En Marea e Anova non se presentou— aceleraron a convocatoria desta reunión.

E é que na cita coas urnas, mentres que En Común conseguiu facerse cun escano pola Coruña e con outro por Pontevedra, en En Marea foi sétima forza, por detrás de Vox, con só o 1% dos votos.

A ruptura do Grupo Parlamentario sobrevoou por enriba de toda a campaña electoral. Con todo, a decisión sobre o futuro de Villares quedou aparcada durante os últimos días 15 días para evitar un posible efecto nos resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Orestes

Pelexando polas migallas dun sistema disfuncional...patético.

3 Non phodemos mais

Podemos dentro doutros catro anos 10 diputados. E que non haxa eleccións antes... Perder a metade de diputados non creo que sexa un gran resultado. E en Galicia máis da metade. Os votos prestados comenzan a marchar...

2 Novas

Hoxe reúnese o Grupo Parlamentar do BNG para analizar o fracaso das súas candidaturas (non conseguiron escanos) e estudar o cese de Ana Pontón e mías tamén criticar ao seu xefe real (na sombra) Néstor Rego. Non podía ser tamén esta unha noticia que se tería que producir?

1 O normal

Home, o normal logo dunha campaña onde este señor día si día tamén disparaba a matar contra a candidatura de UP. E para comprobar isto só hai que biscar neste mesmo xornal dixital, por exemplo: https://www.galiciaconfidencial.com... Luis Villares e seus pactos con Cerna e 3 máis foron un lastre para o espazo da esquerda confluínte, e non é que o diga eu, é que o dixeron os centenares de milleiros de galegos e galegas que non lle foron votar e que escolleron, precisamente, o que el criticaba.

1 asarboresdafraga

Se poñemos os acentos no barometro de insultos de descalifacións haberá que mirar para todolos lados. Se ese é o criterio para pedir ceses e dimisións imos por un sendeiro "estupendo". Este señor fixo unha aposta é un debate dentro da súa organización e gañou o mesmo. Outra cousa será que en democracia os votos quitan e poñen escanos, outra cousa son as razóns, os argumentos, as valias, e se os que sacan eses escanos despois fan un traballo ou son mecanos levantado mans ou premendo botóns. Se por perder eleccións houbera que dimitir que empecen Pablo Iglesias, Casado,Sanchez, etc que teñen un longo historial neste tema.

2 Oscar911

Somos poucos i encima a liortas entre nós. Despois veña a votarlle a culpa os medios e as veces a xente por non saber votar. Villares e tan válido como Manuel Lago, e xa empeza a cheirar ter votacións aquí para que logo veñan de Madrid a retocar as cousas, marchei do BNG pola UPG e coido que nos movementos do 15M tamén hai demasiados "listos" en Madrid, os resultados da Marea non foron bos, pero os de Podemos tampouco, e as locais están moi perto. Moi mal as esquerdas se non sabe facer na casa o que din que van facer cando gobernen. Unidade e cando acabemos coa UPG e co PPdeG, despois que se dividan o botín se queren.