O pleno do Parlamento pide ao Goberno a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol

O PSdeG insistiu en que o contrato de Navantia "dinamizará a comarca de Ferrol" e criticou que o PPdeG "estivese calado" mentres gobernaba en Madrid Mariano Rajoy, "e tras a moción de censura reclama o que non fixo en sete anos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2019 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

Todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia --PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG-- votaron este martes a favor de apoiar á Xunta na súa petición ao Goberno de España dunha "resposta inmediata" á proposta consensuada para a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol, vinculado ao programa de construción de cinco fragatas F110, "que suporá a xeración dun número relevante de empregos e situará a Navantia na vangarda tecnolóxica do sector naval".

O deputado do Partido Popular Miguel Tellado, impulsor desta proposición non de lei, lamentou que o Goberno do PSOE deixase " no caixón durante 10 meses" o proxecto das fragatas de Navantia e "aproveitase para sacar rédito político" asinándoo este mes de abril, antes das eleccións xerais. "Cremos que o Goberno debe deixar de ver ao naval como unha fonte de propaganda electoral", destacou.

Así mesmo, asegurou que esta construción suporá unha carga de traballo para case 7.000 persoas durante 10 anos, polo que pediu un investimento de 400 millóns de euros para implantar o estaleiro 4.0 en Ferrol, "para modernizar e traer ao século XXI unhas infraestruturas que xa foron pioneiras no século XVIII". Neste sentido, a deputada do BNG Noa Presas Bergantiños, a pesar de que votou a favor desta proposición non de lei, criticou que o PPdeG "saque peito" de que leven a cabo as fragatas F110 en Ferrol "a pesar de que haberá entre dúas e tres anos de incerteza onde mesmo pode haber despedimentos".

DINAMIZACIÓN

Pola súa banda, o PSdeG, a través do deputado José Manuel Pérez Saco, insistiu en que o contrato de Navantia "dinamizará a comarca de Ferrol" e criticou que o PPdeG "estivese calado" mentres gobernaba en Madrid Mariano Rajoy, "e tras a moción de censura reclama o que non fixo en sete anos".

"En 2018 si había 250 millóns de Industria para financiar Navantia, pero non significa que o contrato puidese asinarse. Non estaba feito o programa tecnolóxico e non estaban elixidos o tipo de mísiles que ían levar as fragatas", explicou. Para En Marea, esta proposta non de lei do PP é "pequena". "Hai que pedir o que piden, pero é pouco", dixo o deputado Francisco Casal Vidal.

PARLAMENTO DE GALICIA
PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta