Sanidade elaborará unha guía co obxectivo de homoxeneizar a atención de fisioterapia en toda Galicia

PSdeG asegura que a Atención Primaria está "desatendida" e critica que haxa un fisioterapeuta por cada 17.000 habitantes.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/04/2019 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade elaborará e implementará unha guía de actuacións de fisioterapia en Atención Primaria en colaboración cos profesionais co obxectivo de homoxeneizar a atención en toda Galicia, segundo anunciou o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, no pleno do Parlamento de Galicia deste martes, onde asegurou que esta actuación é unha das propostas a medio prazo recollidas no documento do Plan de Mellora de Atención Primaria.

Así, en resposta a unha interpelación do PSdeG, sobre a política da Xunta en relación coa situación do servizo de fisioterapia no sistema Público de Saúde, Vázquez Almuiña explicou que espera que a partir do próximo mes de maio, "se poda iniciar a conformación do grupo de traballo que defina un documento común para todo o Servizo Galego de Saúde (Sergas) que homoxeneice a atención de fisioterapia en toda a Comunidade".

O deputado socialista Julio Torrado Quintela destacou que o servizo de fisioterapia é "relevante" en Galicia debido a cuestións demográficas, como a idade media da poboación que afecta a problemas de mobilidade "que a fisioterapia podería contribuír a resolver". Segundo Torrado, a Atención Primaria en Galicia está "desatendida" e criticou que haxa de media un fisioterapeuta por cada 17.000 habitantes, "cando a Organización Mundial da Saúde recomenda polo menos uno cada 3.000".

PERSOAL

"Temos un problema de persoal, pero tamén un de capacitación e de formación, non porque os profesionais teñan pouca, senón porque non a desenvolven", lamentou Torrado, quen pediu a guía sobre fisioterapia que, segundo el "está feita desde 2017 e a Xunta non difundiu".

A isto, Vázquez Almuiña asegurou que esta guía está a ser modificada para adaptala ao novo plan de mellora da Atención Primaria e destacou que "en Galicia a fisioterapia leva incorporada nos centros de atención primaria desde os anos 1990", fronte á situación doutras comunidades autonómicas.

"Actualmente contamos con 124 profesionais de fisioterapia nas unidades de atención primaria distribuídas en todas as áreas de saúde", afirmou o conselleiro, quen subliñou que nas últimas OPE ofertáronse un total de 71 prazas desta especialidade.

O toque de humor no pleno achegouno Vázquez Almuiña, preguntando ironicamente a Torrado se vai ser o próximo Ministro de Sanidade (debido á vitoria do PSOE nas eleccións xerais e á maneira de expresarse do deputado), mentres que a resposta do deputado socialista foi dicir que "todo pode pasar". "Se Pablo Casado chegou a presidir o PP, a presentarse a unhas eleccións e mesmo a pensar que podía gañalas, todo pode pasar", sentenciou Xullo Torrado Quintela.

ATENCIÓN PALIATIVA

Fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia cun paciente
Fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia cun paciente | Fonte: acostat.es

Interpelado pola deputada de En Marea Eva Solla Fernández sobre os medios dos que dispón o Sergas para garantir os dereitos das persoas enfermas terminais, Almuiña explicou que Galicia conta na actualidade con 45 unidades de Hospitalización a domicilio (HADO) e 401 unidades de atención primaria, agrupadas en 146 servizos, para atender aos pacientes que necesitan coidados paliativos.

Así mesmo, asegurou que os hospitais galegos están a adaptar as súas unidades de coidados paliativos ao recolleito na lei de dereitos e garantías das persoas enfermas, polo que xa conta con sete unidades deste tipo de asistencia nos grandes hospitais, ademais dunha unidade de catro camas no Hospital do Salnés.

Con todo, Solla avogou pola "morte digna" dos galegos e asegurou que a Xunta "non garante morrer dignamente nin na vivenda nin nos centros sanitarios".

LALÍN

Noutra orde de cousas, tamén o deputado socialista Torrado interpelou a Almuiña acerca da valoración que fai a Xunta en relación á calidade de atención primaria no concello de Lalín que, ao seu xuízo, o centro de saúde desta localidade pontevedresa "necesita melloras na súa infraestrutura".

Así, o conselleiro destacou que a atención en Lalín é "moi boa" e que conta cunha carteira de servizos "completa" e con 13 médicos de familia "que dan un cociente na media galega, que é baixa en comparación coa nacional, con 1.300 cartóns por facultativo".

Ademais, subliñou que o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín será un centro orientado ao paciente con criterios de "máxima calidade" e que incorporará os servizos de hemodiálisis e HADO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta