O BNG quere acabar coas Deputacións por "anacrónicas", aínda que goberne nelas

A deputada do partido Olalla Rodil pon de exemplo a Deputación de Lugo, tras os incidentes desta semana, onde ata houbo insultos de por medio. Con todo, os nacionalistas gobernan nas deputacións de Pontevedra e A Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, insistiu este xoves no rexeitamento da formación á existencia das Deputacións, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada de Xosé Ferreiro e Rubén Arroxo, portavoces provincial e municipal, na que os nacionalistas matizaron que dado que "o marco normativo é o que é", mentres se manteñan apoiarán unha política de "democratización" destas institucións.

LUGO (BNG Dipus)
LUGO (BNG Dipus) | Fonte: Europa Press

A pesar de denunciar este tipo de institucións e de pedir que se supriman, o BNG leva gobernando varias lexislaturas nos organismos provinciais xunto co PSOE. Faino actualmente nas deputacións da Coruña e Pontevedra e tamén o fixo na de Lugo ata este mandato, con Xosé Ferreiro, ademais, con tarefas no goberno provincial.

De feito, e como exemplo do "anacronismo" das Deputacións situaron á de Lugo, e fixeron referencia á "imaxe bochornosa e vergoñosa" que se produciu tras o último pleno nun enfrontamento, con insultos, entre o deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, e o deputado socialista e alcalde de Pol, Lino Rodríguez, a conta das residencias para maiores.

Rodil denunciou que "as deputacións non atenden á realidade, nin social, nin demográfica, nin territorial, das comarcas que existen na provincia de Lugo". "Un dos elementos máis claros para defender que deben desaparecer é que ademais do anacronismo que representan, son absolutamente antidemocráticas, onde non son elixidas as persoas que as compoñen de maneira directa polos cidadáns e cidadás", sinalou.

No entanto, puntualizou que "como marco normativo é o que é" e ata que teñan "a capacidade para disolvelas e facelas desaparecer", apostarán "por desenvolver unha política que democratice na medida do posible esas institucións, e iso pasa por seguir afianzando o Plan Único e dotar de máis recursos económicos a ese plan e que sexan os concellos os que reciban os fondos públicos para a súa xestión".

O portavoz nacionalista na Deputación, Xosé Ferreiro, asegurou que no pleno do pasado martes pasou "moitísima vergoña, ata límites que ninguén se pode imaxinar". "O que nos gustaría é que a pesar do ocorrido o outro día, que é un colofón que expresa parte do que pasou neste mandato, é pór en valor o traballo do BNG nesa institución", expuxo.

Sexa como sexa, Ferreiro presumiu que o BNG nestes catro anos "presentou máis de cen iniciativas políticas na deputación, as mesmas que o grupo popular con doce deputados fronte a dous nosos". Sobre todo puxo en valor que grazas a unha iniciativa dos nacionalistas púxose en marcha o Plan Único, "cunha repartición obxectiva de fondos a todos os concellos da provincia (67), algo descoñecido na Deputación de Lugo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

2 Gamela

por iso pactan a presidencia da Deputación de Pontevedra coa Carmela Silva... man dereita de Abel Caballero que mantén unha política social típica da Dictadura! https://youtu.be/TK4XqEozw_A

1 eusi

Cantos ao aire, como se facían antes nas foliadas: xa poden explicar COMO o van facer, pois, ou descoñecen totalmente que hai que modificar a Constitución (seguro que nin saben que non é doado, polas maiorias parlamentares, votacións, textos únicos a aprobar...), ou esperan que veña o Santo Carneiro ao que rezan, para que llo solucione por arte de birlibirloque. XA COMEZA A CAMPAÑA DO BNG: e eu comezo co meu lema "Bnjajaja".

1 Outro que non sabe

Que a constitución española se pode reformar en 15 días. Outra cousa é que non queirades.

2 Un galego

Vexo que comentas moi pouco. É lóxico, non acadastes ningún dos obxectivos. E nas proximas 10 deputados, na liña de IU. Cada un volve ao que é.