100 toneladas de lixo ciscadas nas rúas da Coruña polo conflito entre empresa e traballadores

Os operarios acusan á empresa concesionaria de non querer modernizar a maquinaria. "É unha situación que non pode seguir dándose", dí Xulio Ferreiro.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/05/2019 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

Unhas 100 toneladas de lixo, entre as que quedaron sen recoller esta pasada noite e as que están pendentes de retirar de xornadas anteriores, seguen nas rúas da Coruña, segundo estimou o secretario do comité de empresa da concesionaria, Luís Varela. Os traballadores vinculan esta situación co estado dos camións.

Así o expuxo a Europa Press o tamén representante do STL, Luís Varela, que precisou que, dos 27 camións dos que está composto a frota da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo --Cespa-- , "oito quedaron paralizados por que os sistemas de seguridade non funcionan".

Ademais, dixo que dos outros 19, un total de 10 rexistraron avarías, que neste caso considerou "mínimas". En total, asegurou que esta pasada noite quedaron sen recoller un total de 60 camións.

A eles, sumou entre "20 e 40 toneladas" pendentes de retirar polos días anteriores nas que tampouco se recolleu todo o lixo dos colectores. Luís Varela vinculou o que está a suceder cunha maquinaria que, segundo explicou, tiña que ser substituída por outra "hai dous anos".

Mentres, sobre os contactos con Cespa, dixo que esta xornada a empresa convocounos a unha reunión, despois de que, segundo explicou o representante sindical, este xoves déseselles "plantón".

Bolsas de lixo sen introducir no contedor
Bolsas de lixo sen introducir no contedor | Fonte: Moncho Mariño

ALCALDE

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, espera que o servizo de recollida do lixo "se normalice esta noite". A preguntas dos xornalistas, tras a Xunta de Goberno, confirmou que por parte do Consistorio houbo reunións tanto cos traballadores como coa empresa e que por parte desta desprazáronse directivos de Madrid este venres á cidade.

"É unha situación que non pode seguir dándose", recalcou o rexedor, quen explicou que se trasladou ao goberno local que esta noite "se normalizará" a situación. Por outra banda, reiterou que se reforzaron os servizos en "zonas sensibles" como os hospitais.

Tamén en barrios con máis residuos depositados como a zona das Conchiñas, Falperra, Adormideras ou os Rosales. "Espero que o desta noite sexa o último incidente", expuxo Ferreiro, convencido da necesidade de que entre "unha nova empresa", dixo sobre o proceso iniciado para a adxudicación deste servizo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta