200.000 euros para repor a legalidade dun edificio dun edificio en Santiago que obtivo a licenza en 1991

O alcalde de Santiago manifestou sobre os comedores escolares que "o servizo estará operativo" e precisou que se "está traballando nunha serie de melloras con respecto aos anteriores e poder así avanzar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2019 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago terá que destinar 200.000 euros para repor a legalidade no baixo cuberta dun edificio, conforme á sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación a unha licenza que se concedeu no ano 1991. A Xunta de Goberno celebrada este venres deu o visto e prace á aprobación do proxecto básico de execución, para a reposición do edificio actual, situado na rúa García Prieto.

As obras afectarán principalmente os baixos cuberta, segundo explicou o alcalde, Martiño Noriega. A primeira sentenza do TSXG que anulaba a licenza concedida para modificacións no edificio procede do ano 1991 e foi ratificada en 1993. Agora, en auto de outubro de 2018, o TSXG require ao Concello que con urxencia acometa a execución das obras de restauración da legalidade.

DENEGACIÓN DE DÚAS LICENZAS POR MORATORIA HOTELEIRA

Por outra banda, na Xunta de goberno denegouse a concesión de dúas licenzas para espazos hoteleiros, a primeira, dun hotel de tres estrelas e a segunda, para o cambio dun uso residencial a un hoteleiro, conforme á moratoria aprobada polo Goberno local para frear a apertura de establecementos destas características no centro histórico. A Xunta de Goberno tamén autorizou a realización de actuacións de modernización e ampliación da iluminación pública en diversos puntos da cidade. A empresa adxudicataria do servizo, Ferrovial, encargarase das melloras, ás que se destinarán algo máis de 20.000 euros.

As actuacións que levarán a cabo suporán melloras na iluminación do Cancelón de Sar, onde se investirán 4.500 euros; en Outeiro de Sar, con melloras presupostas en preto de 6.000 euros, e nas prazas de Vigo, Ponte Castro e Fonte de Romeu Donallo, cun gasto estimado de case 10.000 euros. O goberno local tamén lle deu luz verde ás normas de seguridade para a celebración das fogueiras da noite de San Xoán. As persoas, organizacións e comunidades deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello desde o 27 de maio ata as 14,00 horas de 10 de xuño. Os particulares tamén poderán facer a súa comunicación a través da páxina web do Concello do 1 a 15 de xuño.

As fogueiras estarán prohibidas na praza do Obradoiro, Quintana, Toural, Pratarías, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, San Miguel, Irmán Gómez e San Agustín. Todas as 'cacharelas' celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento.

CONVENIOS DE COLABORACIÓN

Ademais, a Xunta de Goberno tamén aprobou convenios de colaboración entre o Concello e diversas entidades, como o acordo co Museo do Pobo Galego, que suporá unha achega municipal de 30.000 euros, e o acordo coa asociación Solidaridade co Pobo Saharauí, por 8.000 euros.

No ámbito social, aprobáronse convenios con Fundación Down Compostela (10.000 euros), Cociña Económica de Santiago (60.000 euros), Cáritas Diocesana de Santiago (100.000 euros), FEAFES Galicia (60.000 euros), Escola de tempo libre Don Bosco (5.000 euros), Cáritas Diocesana de Santiago-Vagalume (30.000 euros) e Fundación USC Deportiva (9.000 euros), entre outros. Tamén se aprobou a firma do convenio de colaboración entre o Concello e a fundación Refuxio de Animais, cunha achega de 200.000 euros.

COMEDORES ESCOLARES

Por outra banda, Martiño Noriega, preguntado polas críticas do BNG á ausencia de licitación dos comedores escolares, lamentou que os nacionalistas tenten introducir en "campaña" electoral a cuestión dos comedores escolares. Noriega explicou que o marco legal de licitación de comedores é "restritivo" e déronse " pasos adiante coa nova licitación". Aínda que confía en "dar máis pasos adiante e atender demandas lóxicas da Federación de Anpas", sinalou que "moitas veces as limitacións á hora das licitacións teñen que ver co marco de contratación".

A pesar diso "o servizo estará operativo", remarcou Martiño Noriega, que precisou que se "está traballando nunha serie de melloras con respecto aos anteriores e poder así avanzar", nun servizo en Santiago que "non se deixou de prestar nin un só día", a diferenza, deixou caer, doutros centros dependentes da Xunta nos que houbo "bocadillos e pizzas". "É un traballo que está practicamente pechado" e vaise " a chegar a prestar o servizo", remarcou, para precisar a continuación que "os ritmos administrativos son os que son". "Se quere Goretti converter unha licitación en asunto de campaña a min non me vai a atopar", concluíu.

Desde o BNG, a candidata á alcaldía Goretti Sanmartín alertou este venres que non está licitado o servizo para os comedores escolares e tachou de "irresponsabilidade" non ter "o contrato encima da mesa, con esas reivindicacións da FANPA para que houbese cociña de proximidade, con produtos locais de tempada e cun programa piloto con cociña nun centro educativo, con esa relación de confianza e proximidade entre monitores e monitoras".

Tamén o candidato do PSOE, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que se trata dun "dos temas nos que se produciu unha enorme frustración" pero que será unha "prioridade para os socialistas", con "comedores escolares de calidade" e cun "cambio de sistema" para que en setembro os "nenos coñezan a súa bolsa" e haxa un "fondo de urxencia" para atender casos nos que xurdan problemas.

Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta