Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 14:51
En Marea mostrou a súa confianza en reporse nas inminentes eleccións municipais e europeas do "mal resultado" obtido nas xerais do pasado 28 de abril, nas que o partido que encabeza Luís Villares quedou relegada a sétima forza en Galicia con pouco máis do 1% dos votos.
A tres días do arranque da campaña para a dobre cita coas urnas do próximo 26 de abril, En Marea ofreceu unha rolda de prensa para informar sobre a campaña das municipais, un "reto ilusionante" que esperan sirva de inicio do "ascenso" para o proxecto aproveitando "o músculo" das mareas locais.
A dirección cifra en 70 as candidaturas que se presentan baixo a marca paraugas que ofreceu o partido instrumental, diferenciada de 'Son en Común', propulsada polos antigos socios de En Marea --Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia--.
Segundo indicou a viceportavoz do partido instrumental e responsable de municipalismos, Ana Seijas, existen nos 313 concellos galegos "100 candidaturas" que pertencen "ao espazo político" pero que, por "cuestións formais" ou pola pretensión de querer seguir sendo "agrupacións de electores", finalmente só serán 70 as listas que se agrupan baixo a coalición 'Mareas Locais'.
Esta coalición terá un nome diferente en zonas como o Val Miñor --'Manifesto Miñor'-- ou o sur da provincia de Lugo --'Por un rural vivo'-- e contará con representantes en catro das sete cidades galegas: Ourense --Ourense Mellor--, Ferrol --Marea de Ferrol-- e Pontevedra --Marea de Pontevedra--.
EUROPEAS
O lema electoral elixido por En Marea para as municipais será "A voz nos concellos", similar ao elixido para as europeas --'A voz en Europa'--, unha cita á que o partido instrumental concorre baixo a coalición Compromiso por Europa, na que tamén participan os valencianos Compromís, Chunta Aragonesista, Nova Canarias ou Més per Mallorca, entre outras formacións do ámbito estatal.
Lida Senra, eurodeputada na última lexislatura tras ser electa en 2014 por AGEe, ocupa o segundo lugar da lista de Compromiso por Europa, coa que pretenden facer unha UE "máis democrática e social". Ana Seijas resaltou a bagaxe da candidata Senra, que "levou a voz dos galegos e de moitos colectivos" ás institucións europeas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.