Indignación entre as vítimas de Angrois polo "vergoñento" de que Adif contratase asesores para a comisión do Congreso

Adif contratou a dedo por case 15.000 euros ao despacho Hogan Lovells, no que traballa o avogado que defende ao cargo investigado pola traxedia, o exdirector de seguridade na circulación Andrés Cortabitarte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

As vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 manifestáronse "indignadas" polo feito "vergoñoso" de que Adif contratase asesores para os seus comparecentes na comisión de investigación do Congreso dos Deputados sobre o sinistro.

Adif contratou a dedo por case 15.000 euros ao despacho Hogan Lovells, no que traballa o avogado que defende ao cargo investigado pola traxedia, o exdirector de seguridade na circulación Andrés Cortabitarte. O xuíz e o fiscal propoñen xulgar a Cortabitarte por 80 supostos delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e por 144 de lesións, por unha análise de riscos deficiente ao que estaba obrigado na liña.

É a mesma responsabilidade que atribúen ao maquinista, Francisco José Garzón Amo, a este por circular cun exceso de velocidade tras atender a chamada do interventor. O caso está pendente da resolución da Audiencia Provincial da Coruña aos recursos de distintas partes contra a decisión do instrutor de pechar esta fase con estes dous imputados.

"INNUMERABLES AFRONTAS"

Este mércores, a plataforma de vítimas emitiu un comunicado no que volve remarcar que esta foi unha "traxedia evitable" que deixou 80 mortos e máis de 140 feridos. Agora, lamentan ter que "soportar a última das innumerables afrontas". "Queremos mostrar a nosa indignación e rexeitamento ante este grave feito denunciando, unha vez máis, o trato humillante que estamos a recibir por parte do Adif, tanto baixo o mandato do PP, como do PSOE, xerando, aínda se cabe, máis dor", subliña a nota da asociación.

Recalcan os afectados polo descarrilamento que "é vergoñoso que o Adif, que xa conta con todo o aparello do Estado, servizos xurídicos, avogacía do Estado, etcétera, contrate, para 'asesorar' aos comparecentes ao despacho de avogados que defende ao cargo de Adif imputado polo sinistro". "Agora enténdese perfectamente por que os técnicos das empresas públicas non eran capaces de contestar a preguntas sinxelas no Congreso", engade a plataforma.

Respecto diso, censura que as "evasivas son, por tanto, un ataque máis ás vítimas, aos seus familiares e ao conxunto da sociedade". "Se ademais proveñen de funcionarios públicos e orquestradas polos dirixentes, temos un problema bastante grave no Ministerio de Fomento e en Adif", agrega. Por iso, solicitan unha reunión ao ministro en funcións, José Luís Ábalos, para que dea "as explicacións oportunas" e para esixirlle o cesamento "inmediato" de Isabel Pardo de Vera, actual presidenta de Adif e exdirectora xeral, "e por tanto máxima responsable deste vergoñoso asunto".

Ao seu xuízo, estes feitos confirman as súas "peores hipóteses: o temor que teñen os gobernos, tanto do PP e PSOE, a realizar unha investigación independente, tal e como esixiu a UE en repetidas ocasións". A disolución das Cortes pola convocatoria de eleccións xerais deixou o labor da comisión de investigación sen conclusións. A rolda de comparecencias terminara, pero os grupos non tiveron tempo sequera para comezar a elaborar o informe.

"LAVAR A CARA"

Pola súa banda, a eurodeputada do BNG Ana Miranda esixiu tamén explicacións a Adif por "o gasto a dedo" para asesorar aos comparecentes. Considera "inaceptable" que haxa "máis preocupación por lavar a cara dos intervenientes que por coñecer a verdade". "É inaceptable que eses traballos de asesoramento estivesen máis centrados en ocultar ou manipular a realidade que en esclarecer as causas do accidente máis grave acontecido en Europa nos últimos 25 anos", subliñou.

Na súa opinión, constata "o que xa era unha obviedade", que esta comisión de investigación non foi "máis que un paripé de PP e PSOE para saír do paso". Por iso, desde o seu punto de vista, "a única posibilidade aberta para coñecer a verdade e, por tanto, as causas reais do accidente, é Europa", tras as denuncias interpostas pola plataforma de vítimas (na comisión de peticións) e despois da que presentou o propio Bloque por incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria.

Exresponsable de seguridade de circulación de Adif Andrés Cortabitarte. EUROPA PRESS - Arquivo
Exresponsable de seguridade de circulación de Adif Andrés Cortabitarte. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

a indignación é xa un clamor.... Pepe Blanco en directo o día da catástrofe de Angrois! https://youtu.be/pAt39plgwoc?t=53s Segundo declarou na Comisión de Investigación. NON sabía nada dos Sistemas de Seguridade da liña Ourense-Santiago! https://youtu.be/1qSxOTdJfno?t=57m4... Todas reclamamos xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw