Este é o mapa do inicio da campaña electoral das municipais

Feijóo e o BNG elixen Santiago, Caballero vai a Ourense e En Marea aposta por Lugo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Tras menos de dúas semanas de respiro electoral, os partidos políticos volven arrincar na madrugada do xoves ao venres a carreira cara ás urnas, neste caso, con 313 alcaldías en xogo en territorio galego despois dos comicios do pasado 28 de abril que deron, por primeira vez, a vitoria electoral ao PSOE en Galicia por diante do PP.

Con menos dunha quincena de descanso na que non se chegou a parar a maquinaria, os principais partidos tómanse estes comicios como unha segunda volta. No caso do PPdeG, como os do comezo da 'remontada' electoral; unha postura similar á do BNG, que se ve "en alza" despois de duplicar os apoios das xerais fronte a 2016. En Marea exponse estes comicios como o seu espazo xenuíno e aspira a lograr bos resultados.

Pola súa banda, os socialistas, coa celebración dos resultados obtidos o 28 de abril aínda sen pechar, fará unha campaña en positivo e seguirá a estratexia da mobilización para "frear o risco de involución", como xa fixo para a anterior cita.

APERTURAS E PEGADAS

Así as cousas, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, arroupará na capital galega ao candidato do seu partido á Alcaldía, Agustín Hernández, que busca volver tras a derrota en 2015 e despois dunha lexislatura na que pasaron tres rexedores populares polo Consistorio.

Durante a campaña, segundo confirmaron fontes populares a Europa Press, prevese que o presidente do PP nacional, Pablo Casado, visite Galicia para participar nalgún mitin, despois de acudir xa o pasado domingo á Romaría Popular do Pino (A Coruña) onde recibiu o respaldo público de Feijóo tras a derrota do domingo 28.

Os populares ven esta cita como "segunda volta" e mesmo como o momento da "remontada" despois da derrota. Iso si, en palabras do coordinador de campaña e, á súa vez, secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, as eleccións xerais "non son extrapolables" ás municipais: "Os protagonistas, neste momento, son os nosos candidatos, os seus equipos e os seus programas".

Inicio da campaña electoral das xerais do PSdeG con Gonzalo Caballero e Pilar Cancelas na pegada de carteis
Inicio da campaña electoral das xerais do PSdeG con Gonzalo Caballero e Pilar Cancelas na pegada de carteis | Fonte: PSdeG

PSdeG

Co vento de cola que deixan as xerais para o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, presentou este mércores a campaña, na que asegurou que os socialistas "están en condicións de avanzar en número de votos e edís".

De novo haberá moita implicación de dirixentes nacionais que pisarán a xeografía galega, empezando polo presidente en funcións, Pedro Sánchez, que estará a próxima semana en Vigo, despois de que Gonzalo Caballero vaia a Ourense, con Rafael Villarino, na noite do xoves ao venres para iniciar a carreira cara ás urnas.

Tamén está prevista a presenza da vicesecretaria xeral, Adriana Lastra, o secretario de Organización, José Luís Ábalos, e do candidato ás europeas Josep Borrell.

EN MAREA E BNG

En Marea, que cifra en 70 as candidaturas locais adscritas á súa marca paraugas, confía nas municipais e europeas para recuperarse dos malos resultados obtidos o 28A, nas que quedou relegada a sétima forza na Comunidade con pouco máis do 1% dos votos.

No arranque electoral, o portavoz do partido, Luís Villares, acompañará ao aspirante á Alcaldía da capital lucense por Lugonovo, Xosé Chorén, nun acto no que tamén será o arranque para as europeas, que se celebran o mesmo día. Por iso, tamén cobrará protagonismo a candidata ao Parlamento Europeo Lídia Senra, no acto que se celebrará en Lugo, cidade natal do maxistrado en excedencia, que se envorcou na campaña de En Marea para as xerais do 28 de abril.

O BNG elixiu de novo a capital galega para a 'tradicional' pegada de carteis, de maneira que a portavoz nacional, Ana Pontón, estará xunto á candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín. O primeiro mitin de campaña será en Pontevedra, xunto ao alcalde (desde 1999) Miguel Anxo Fernández Lores.

ALCALDES DAS MAREAS

Mentres, en Santiago, Compostela Aberta, a marea municipalista que goberna a capital galega desde 2015 con Martiño Noriega á fronte, inicia a carreira cara á cita coas urnas cun acto que terá lugar na Sala Riquela, un local de lecer situado no centro histórico compostelán dado que a previsión de choiva trastornou os plans de facelo xunto ao monumento das Marías, na Alameda compostelá.

O alcalde e candidato á reelección de Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, abrirá a campaña nun acto aberto na porta de acceso do Porto da Coruña, antes da pegada que comezará como tal ás 23,45 horas. O lugar escollido "simboliza a aposta pola cidade" que esta marea municipalista quere para a cidade herculina.

Outro dos chamados 'alcaldes do cambio', o ferrolán Jorge Suárez, estará acompañado no inicio da campaña pola deputada de En Común pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, que estará en 'casa' para apoiar ao candidato de Ferrol en Común e aspirante a revalidar a Alcaldía da cidade naval, tras un convulso mandato no que gobernou gran parte do catro anos en minoría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta