A Xunta falará co Ministerio de Transición Ecolóxica para que sexa "xusto" co persoal de Meirama

O comité de empresa aspira a que o Goberno central "aclare" cantos fondos e para que fin serán os que adiantou a ministra para as zonas afectadas por peches como o de Meirama.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/05/2019 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía e Industria da Xunta quere retomar o diálogo co Ministerio para a Transición Ecolóxica para que este proceso que leva, entre outras medidas, o peche de centrais térmicas como a de Meirama, en Cerceda (A Coruña), sexa "xusto" e se materialice co mantemento do emprego vinculado cunha "alternativa" industrial. Así o explicou o titular do departamento autonómico, Francisco Conde, ao termo dunha reunión na tarde deste mércores con representantes do comité de empresa da planta de Meirama, que leste mesmo martes reivindicaron os seus postos de traballo cunha camiñada na súa comarca.

Preocupado polos 200 empregos que, segundo os seus números, están en xogo en Cerceda, o conselleiro sinalou en declaracións aos xornalistas que trasladará ao ministerio, e tamén á empresa, Naturgy, "a solicitude para que se concreten eses compromisos". Por unha banda, como explicou tamén aos medios de comunicación o portavoz do comité de empresa, Bautista Veiga, os traballadores queren que a Xunta "interceda" con Naturgy para que os investimentos que anunciou en xaneiro "agora" si "sexan reais", non como en 2015.

Entón, xunto ao actual titular da Xunta, o por entón presidente da firma asegurou que faría dúas plantas por uns 100 millóns de euros para poder seguir xerando enerxía eléctrica en Meirama, pero estas actuacións nunca chegaron. Por outra banda, o comité aspira a que o Goberno central "aclare" cantos fondos e para que fin serán os que adiantou a ministra para as zonas afectadas por peches como o de Meirama.

"COMPLICIDADE DO GOBERNO"

Para Conde, existe "complicidade entre o Goberno e Naturgy" para levar adiante este peche, polo que tamén hai unha "corresponsabilidade" para "dar unha saída" aos traballadores e que a transición sexa "xusta e ordenada". O titular de Economía do Executivo galego tamén se referiu ao feito de que a compañía está "a se desdicir" do compromiso de 2015 para reclamarlle agora unha alternativa industrial en Meirama.

Cando transcendeu a petición de peche, Naturgy comunicou publicamente que "case 40 dos 77 empregados seguirán vinculados á empresa participando nos traballos de desmantelamento ou sendo situados noutras unidades da compañía". O resto de traballadores, dixo, "desvincularanse a través de saídas pactadas". Tamén apuntou que proporía ás auxiliares "continuar traballando para os novos proxectos renovables que substituirán á térmica", pero de todo isto non sabe nada novo o persoal.

Central térmica de Meirama. ALICERCE
Central térmica de Meirama. ALICERCE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta