A CIG presentará unha denuncia por delito ambiental e contra a seguridade viaria polo conflito en Sogama

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, explicou que o persoal, non está a demandar "melloras salariais ou de xornada", se non "denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, avanzou este mércores a intención do sindicato de denunciar por delito ambiental, contra a seguridade viaria e por estafa dentro do conflito do transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama, concesionado a Transportes Pacholo S.L.

Así o dixo durante unha rolda de prensa en Santiago, na que informou de que a demanda de tutela de dereitos fundamentais, por vulneración do dereito á folga, xa foi presentada e, de non obter resposta, presentarán máis denuncias.

O presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, explicou que o persoal, que leva xa 21 días en folga indefinida, non está a demandar "melloras salariais ou de xornada", se non "denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga".

Regueiro criticou que, ante estas denuncias, "a resposta da empresa foi a de represaliar ao seu persoal", porque "a seguridade custa diñeiro". "O que querían era xente sen escrúpulos que fixese todo sen preguntar", criticou.

Respecto dos incumprimentos da normativa medio ambiental, o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, asegurou que o transporte de colectores "en mal estado" está a provocar "que en moitas plantas de transferencia se produzan verteduras de lixiviados directamente á terra e de aí aos cursos de auga superficiais e subterráneos, sen control algún".

Protesta de traballadores de Sogama
Protesta de traballadores de Sogama | Fonte: Galicia Confidencial

Do mesmo xeito, denunciou que os camións "van pasados de peso e que os traballadores non coñecen a carga que levan ata que chegan a destino". "Cando cargan un colector, nunha planta de transferencia, o máximo que se pode levar entre o peso da carga e o peso do camión son 40 toneladas e cando chegan a destino comproban que levan un 20% máis de media da carga permitida, co que iso supón de risco para a condución, para o condutor e para os vehículos que circulan por esa estrada", subliñou.

O representante da FGAMT-CIG asegurou ademais que se está producindo un "enchido irregular de colectores con auga" para que "sexa maior a tonelaxe, porque os concellos pagan un canon por tonelada". "Isto sería directamente unha fraude. Un delito de estafa", resumiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta