A enésima mentira

Sempre hábil na distorsión da linguaxe, o sistema xa conseguiu que todos falen da perda dun “estado do benestar” que nunca existiu.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 11/01/2012

Comparte esta noticia
Todo, absolutamente todo o que sustenta o vixente e fracasado sistema capitalista depende do uso fraudulento da linguaxe e a aparencia. Dominar as formas para perverter os fondos e utilizar a imaxe para lavar -ou arrasar- conciencias é a base da dominación, a man que move a tesoira, a fonte do desacougo. Nese campo, os poderes da dereita lévanlle varios quilómetros de vantaxe á contestación, á esquerda real. No terreo discursivo, os mentireiros marcos das elites seguen sendo aceptados sen máis dende moitos dos sectores inconformistas. Pasa arreo, unha das últimas, por exemplo, leva a que protestemos por unha crise que “liquida o estado de benestar”. Estado de que? Cando houbo tal cousa? 
 
Non é inocente. O poder xustifica agora recortes enviando a mensaxe de que antes viviamos nun paraíso e que a medio prazo volveremos a algo parecido a aqueles marabillosos anos. Farsa. Intencionada, claro. Con esa manipulación da linguaxe, a dereita -nas súas múltiples formas- sabe que conseguirá con maior facilidade crear, como xa está facendo, unha cultura da migalla como obxectivo, acadar que o pobo asuma sen réplica un proceso de substitución no cal o que antes eran intocables dereitos colectivos acaben sendo vistos como esmolas a agradecer. Polo de agora, xa poden presumir de que os abondosos males anteriores ao punto inicial da recesión situado na simbólica caída de Lehman Brothers (setembro de 2008) sexan definidos como todo o contrario, como un tempo feliz de “estado de benestar”. Falsidades.
 
Acudamos ás obras mestras. Por exemplo, a nivel internacional, a quinta tempada da serie televisiva The Wire (talvez a mellor obra audiovisual de todos os tempos). Escribiuse entre 2006 e 2007, foi estreada antes da desfeita de Lehman Brothers e o comezo das grandes agresións ás clases traballadoras no mundo occidental pero xa inclúe na súa trama central os problemas derivados dos recortes públicos, que deixan nunha difícil situación económica e profesional aos detectives protagonistas e limitan aínda máis a escasa protección que reciben as dickensianas masas empobrecidas que xustifican a narración. Nos mesmos episodios, xa se amosan os despidos de persoal que afectan aos xornais e que se levan por diante aos mellores periodistas e á calidade dos contidos. Porque iso xa pasaba antes do estoupido da chamada crise, tamén da da prensa. De feito, o creador da serie (David Simon) fora antes reporteiro no Baltimore Sun, ata que un recorte de persoal levouno á rúa en... 1995. Si, hai 17 anos, en pleno “estado do benestar”. 
 
En Galiza? Andan a meternos a mentira esa do benestar antes de 2008 ou dese maio de 2010 no que o PSOE esaxerou un pouco máis o seu clásico compadreo co capital dos últimos trinta anos. Falar de recuperar o estado de benestar é como falar de recuperar a harmonía de Zeus, ambos pertencen ao campo dos mitos. Acaso antes de 2008 non había milleiros de familias con graves problemas para coidar dos seus dependentes? Acaso antes de 2008 non se desfacían os sectores primarios deste país? Acaso antes de 2008 non existía a precariedade laboral? Acaso antes de 2008 non había que esperar meses e meses para operarse na sanidade pública? Ou é que a especulación e a cultura do pelotazo que dominou os últimos 25 anos era o benestar?  Ou é que como agora hai 250.000 parados os 93.000 que había en 2007 (unha cidade como Compostela só de desempregados) eran unha marabilla e un exitazo? Somos tan parvos como para que nola dean tamén con isto? 
 
Nunca houbo estado de benestar, si tempos algo mellores dentro dun plano como moito socioliberal pero totalmente defectuoso e moi afastado do nivel doutras nacións da UE. Se a esquerda real acepta esa teórico pasado glorioso só axudará a baixar o nivel de esixencia popular, obxectivo evidente dos poderosos. Eles saben disfrazar a linguaxe para os seus escuros intereses. Desenmascarar esa artimaña supón unha necesidade urxente, para a cal, por certo, semellan imprescindibles medios de comunicación propios. Uns que digan que o que cambiou é que antes nos daban bofetóns coa man aberta e agora co bate de béisbol na cabeza. Porque nunca existiu ese suposto estado de benestar. Nin existirá plenamente mentres non se poña en marcha dunha vez a liquidación deste sistema.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.