O PP ve "factible" recuperar a Deputación de Pontevedra

Asegura que os 'populares' se recuperaron do "desgusto" do 28 de abril e percibe "moi boas sensacións".

Por E.P. | VIGO | 10/05/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O presidente provincial do PP en Pontevedra, e vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aseverou este venres que a recuperación do goberno da Deputación nesta provincia por parte do PP é un "obxectivo factible", á vez que criticou a "soberbia" de quen cren que esta institución é "súa".

En declaracións aos medios durante unha visita á feira Empregalia en Vigo, Rueda lembrou que a recuperación do goberno provincial, agora en mans de PSdeG e BNG e presidido pola socialista Carmela Silva, é "un obxectivo que o PP se marcou desde o principio".

Para iso, incidiu, os 'populares' teñen que "gañar" as alcaldías dos municipios e van traballar, fronte a quen "da por feito que a Deputación é propiedade súa e que por iso a van a manter". Así, Alfonso Rueda subliñou que o PP foi o partido máis apoiado nos municipios da provincia nas pasadas eleccións locais, "a pesar de non poder gobernar" no organismo provincial, e instou a "saír a gañar" nos comicios do próximo 26 de maio para recuperar unha maioría suficiente na Deputación.

CAMPAÑA DAS MUNICIPAIS

A ese respecto, o presidente dos 'populares' de Pontevedra recoñeceu que o seu partido se xoga "moito" nestes comicios, porque debe poder gañar para gobernar nos municipios, mentres que "outros se presentan coa intención de esperar a que o PP non gañe e poder unirse entre eles".

Para iso, Rueda apostou por unha campaña a pé de rúa, para trasladar a mensaxe do seu partido aos cidadáns "sen insultos nin saídas de ton", e asegurou ter "moi boas sensacións", porque os candidatos do PP, moitos deles caras novas, "repuxéronse dos malos resultados e o desgusto que puidemos ter tras o 28 de abril", en alusión á perda de votos do PP nos comicios xerais de hai unhas semanas.

Finalmente, en alusión ás enquisas que predín que o PP podería perder varios concelleiros en Vigo, Rueda recalcou que non hai que "tomarse ao pé da letra" as sondaxes que dan mal resultado, nin deixarse levar pola "euforia" no caso contrario.

"Hai xente doutro partido que sae con moita soberbia, pensando que todo está gañado e que non hai que respectar aos rivais", advertiu, en clara a alusión ao alcalde socialista Abel Caballero, e engadiu: "A soberbia é mala conselleira. Eu aconsello humildade aos meus e aos demais".

26M.- Rueda Ve 'Factible' Recuperar A Deputación De Pontevedra E Critica A 'Soberbia' De Quen A Ve Como 'Súa'. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
26M.- Rueda Ve 'Factible' Recuperar A Deputación De Pontevedra E Critica A 'Soberbia' De Quen A Ve Como 'Súa'. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta