Os "homes grises" que queren que a Coruña volva a tempos pasados

Xulio Ferreiro compara aos seus rivais coas personaxes de Michael Ende no libro Momo por "gobernos que gobernen para eles sós".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña e candidato á reelección por Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, pediu o apoio cidadán fronte "ás campañas electorais e os discursos baseados na tristeza e no desquite" dos "ladróns do tempo" que queren "que a cidade retroceda".

Na celebración da Romaría Vivir na Coruña organizada por Marea Atlántica, no Paseo das Pontes, Xulio Ferreiro situouse como aval de que a cidade siga avanzando.

"Queren quitarnos tempo. Son ladróns de tempo, os homes grises dos que falaba Michael Ende en Momo', expresou, incidindo que "uns" queren que se volva a 2010 e outros a 2014, anos nos que a cidade e a súa comarca "perderon 15.000 empregos", con gobernantes que "gobernaban para eles".

Para exemplificar a falta dunha política pensada no "ben común e na xustiza social", Ferreiro defendeu a situación do transporte público na cidade. A Marea Atlántica, subliñou, foi o "primeiro goberno que baixou o prezo e que fixo o transporte gratuíto para os menores de 13 anos".

Xulio Ferreiro na romaría Vivir na Coruña organizada pola Marea Atlántica
Xulio Ferreiro na romaría Vivir na Coruña organizada pola Marea Atlántica | Fonte: MAREA ATLÁNTICA

VIVIR NA CORUÑA

A Romaría Vivir na Coruña conta con diversas actividades, desde unha comida popular que contou con alimentos de proximidade ata talleres de cometas, contacontos e actuacións musicais.

Entre as propostas do día, escenificadas en actos en Nostián e Matogrande, a Marea Atlántica anunciou unha área de xogos e pistas multideporte nos antigos depósitos da rúa Carlos Martínez Barbeito en Matogrande e a instalación de novo mobiliario na contorna da residencia de maiores.

Ademais, exponse como reto a unión de Matogrande e o Ofimático a través da ligazón sobre as vías do tren. Para o próximo mandato, Marea Atlántica promete unha nova escola infantil municipal no barrio. E para Nostián, Ferreiro comprométese a introducir melloras no percorrido de subida ao polígono da Artística, ademais de dignificar a historia do barrio, con percorridos pola contorna do Cocho dA Vella e Monte dos Castelos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta