O PPdeG non descarta apoiarse en Vox para recuperar as cidades de Ferrol ou Santiago

Tellado pídelle ao PSOE que non facilite gobernos de "extremistas", en alusión a "Podemos, BNG e Vox".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mostrouse este domingo disposto a apoiarse en Vox para recuperar concellos en Galicia, a pesar de que sinalou que o Partido Popular "non fará alcalde a ningún candidato de Podemos, do BNG nin de Vox".

Neste sentido, Tellado indicou que, por exemplo no caso de Santiago de Compostela, o seu partido non rexeitará a axuda doutras "forzas políticas" se apoian o proxecto político do PP, "porque coinciden nun mesmo obxectivo, desaloxar ao populismo da alcaldía".

"Queremos o apoio dos galegos para non depender de máis que dos galegos. A política de pactos moitas veces dá ás minorías un poder que non obteñen realmente nas urnas", destacou o secretario xeral do PPdeG nunha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press.

Desta maneira, pediu a unión do voto de centro dereita nun "proxecto político moderado, reformista, constitucionalista que é o que representa o Partido Popular". Ademais, mostrouse seguro de que os votantes de Cs e Vox "o último que querían era que Pedro Sánchez seguise na Moncloa".

Así mesmo, pediu aos dirixentes do PSdeG que fagan unha promesa no mesmo sentido e que aclaren se están dispostos a facer alcalde a algún membro dun partido "extremista", que ao seu xuízo son Podemos, BNG e Vox. "Nós estamos a pór unha liña vermella que non sabemos se os socialistas tamén están en condicións de trazala", reprochou Tellado.

AUTOCRÍTICA

Noutra orde de cousas, Miguel Tellado fixo "autocrítica" e recoñeceu os "malos resultados" do PP nas eleccións xerais do pasado 28 abril, aínda que indicou que as municipais son uns comicios "distintos, nos que se trata de elixir alcaldes para os 313 concellos de Galicia".

"Cando un se equivoca, hai que recoñecer os erros para superalos. Fixemos unha mala campaña", asegurou Tellado na mesma entrevista recollida por Europa Press, para engadir que o PP "non ten que mirar á dereita nin á esquerda para saber que é o PP, ten que mirar cara si mesmo e ser o que sempre foi: o partido moderado, reformista e constitucionalista de sempre".

Miguel Tellado
Miguel Tellado | Fonte: CADEA SER GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta