Xulio Ferreiro comprométese a construír unha escola infantil e un polideportivo no Ofimático da Coruña

Tamén participou no Día das Penas que se desenvolveu á beira do estadio de Riazor e mostrouse "optimista" de cara ás eleccións do 26 de maio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2019 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O candidato á reelección na Coruña por Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, comprometeuse a finalizar a urbanización do parque Ofimático na próxima lexislatura e a construír na zona unha escola infantil e un polideportivo.

Ferreiro compartiu un almorzo con veciños das cooperativas que puideron entrar a vivir no barrio e puxo en valor o traballo de Marea Atlántica, que conseguiu "outorgar as primeiras licenzas de ocupación", despois dun "conflito que levaba máis de 20 anos enquistado".

"Agora toca seguir adiante, porque o concello debe saldar unha gran débeda histórica con esta parte da cidadanía" asegurou. Co obxectivo de que o barrio "sexa igual que calquera outro", comprometeuse a finalizar as obras e dotar á zona de equipamentos básicos e conexións con Matogrande, pero "sen pisar os dereitos" dos veciños do núcleo de Elviña. Ademais de comprometer unha escola infantil, tamén anunciou un novo pavillón polideportivo e un campo de rugby, no ámbito de Monte Mero.

Por outra banda, Xulio Ferreiro, que tamén participou no Día das Penas que se desenvolveu á beira do estadio de Riazor, mostrouse "optimista" de cara ás eleccións do 26 de maio e pediu aos coruñeses que voten pensando "cara adiante, por un modelo de cidade para o século XXI, para deixar atrás o pasado e o revanchismo e afrontar con ilusión o futuro".

Ademais, o proxecto Sendeiros da Coruña unirá o Bosque de Breogán, que se acometerá en Feáns, con Elviña. O domingo, Ferreiro tamén dirixiu a súa atención a Bens. Marea Atlántica propón novas reurbanizacións de vías e a mellora do tráfico, así como a renovación do polideportivo do Mazaído.

Xulio Ferreiro nun acto na Coruña / MAREA ATLÁNTICA / Europa Press
Xulio Ferreiro nun acto na Coruña / MAREA ATLÁNTICA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta