En Marea acusa a Xunta de "impedir" a apertura dun centro de día en Corcubión por "razóns sectarias"

Luís Villares di que "o Partido Popular prefire que non se abra" porque non goberna neste concello da comarca da Costa da Morte.

Por E.P. | Corcubión | 13/05/2019 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou á Xunta e ao Partido Popular de Galicia de "impedir" por "razóns sectarias" a apertura dun centro de día na localidade coruñesa de Corcubión.

En Marea, en Corcubión
En Marea, en Corcubión | Fonte: Europa Press

Villares acompañou na tarde deste luns ao candidato á alcaldía do municipio pola candidatura Sempre Corcubión, Alfredo García, que explicou que a obra de rehabilitación do centro está rematada "desde hai anos" e o edificio conta xa con "o equipamento adecuado" para a súa posta en marcha.

Con todo, Villares afirma que "o Partido Popular prefire que non se abra" porque non goberna neste concello da comarca da Costa da Morte, cuxa poboación "se vería beneficiada" dun centro de día que "sería útil para as persoas maiores e os seus familiares á hora de conciliar".

"Queremos concellos que gobernen para todos, non sectarios", incidiu o portavoz de En Marea, que incidiu na aposta por defender o dereito dos maiores a gozar duns "servizos públicos de calidade despois de toda unha vida de traballo".

Pola súa banda, o candidato de Sempre Corcubión, candidatura que se inclúe na marca paraugas Mareas Locais que impulsou o partido instrumental que encabeza Villares, avanzou que reclamarán os expedientes sobre o centro no caso de que logren entrar na corporación de Corcubión.

Alfredo García lamentou que exista unha "intención política en que o centro estea pechado", polo que asegurou que reclamarán ante a Xunta a "resolución dun problema que afecta a Corcubión e á comarca da Costa da Morte".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta