Marcarán as enquisas os resultados desta campaña electoral?

A publicación de diversos inquéritos sobre estas municipais activaron, e moito, a actividade nas sedes dos partidos. Algunhas formacións manexan xa estudos propios e os resultados están sorprendendo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Estes días estanse coñecendo os resultados de determinadas enquisas que puxeron nervioso o máis dun dirixente político. Primeiro foi a do CIS para Santiago que prognosticaba unha forte caída do PP e de Compostela Aberta, unha leve baixada do BNG e a subida de Ciudadanos.

Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo. PSOE
Pedro Sánchez, nun mitin en Vigo. PSOE

Esta fin de semana foi La Voz de Galicia, a través de Sondaxe, a que publicaba distintos inquéritos das sete cidades galegas. Unha enquisa  que pronostica unha gran viraxe no mapa municipal das grandes cidades. Así, o PSdeG podería facerse cos gobernos de Santiago, A Coruña, Ferrol e Ourense e aumentaría o seu peso nas alcaldías de Vigo e Lugo. A única cidade que quedaría fora da influencia socialista sería Pontevedra.

Con todo, entre as dúas enquisas hai certas diferencias, xa que a caída do PP e de Compostela Aberta é máis acusada na do CIS, que tamén apunta a unha baixada do BNG e un ascenso de Ciudadanos. A de La Voz, mantén a suba dos socialistas e a caída de Compostela Aberta, pero modera a caída do PP e recolle un ascenso do BNG.

Iso só no caso de Santiago, porque no resto das cidades Sondaxe apunta a unha Galicia urbana de color vermello e nalgunhas cidades, como en Vigo, o dominio de Abel Caballero sería abafante, con  20 dos 27 concelleiros.

MÁIS ENQUISAS

De cumprirse estes pronósticos, a situación das grandes mareas, principalmente en Santiago de Compostela e Ferrol, sería moi difícil. E aínda peor sería a do Partido Popular que confirmaría a debacle recibida nas xerais. Por iso, nos cuarteis xerais dalgunhas formacións políticas levan xa tempo traballando con datos propios que confirmarían, só en parte, algunha das tendencias que apuntan os estudos de Sondaxe e do CIS.

Enquisa para a CRTVG a pé de urna.
Enquisa para a CRTVG a pé de urna.

Segundo a comparativa destes datos aos que tivo acceso GC, o ascenso do PSdeG en Galicia sería unha realidade e non só nas grandes urbes, senón tamén en vilas medias, e concellos do eixo atlántico e das áreas metropolitanas das cidades. Uns datos que reforzarían a súa presenza nas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo e mesmo podería haber posibilidades na de Ourense. Nalgúns entes provinciais a súa maioría permitirialles gobernar en solitario sen contar co apoio doutras forzas.

PPdeG

Pola contra, o PP mantería o seu bastión electoral nas pequenas vilas do interior de Galicia, principalmente, as máis rurais e as máis despoboadas. Estes datos confirmarían que o PPdeG sería unha das forzas máis castigadas nos comicios do vindeiro 26 de maio, pero resistiría nos seus tradicionais bastións electorais, máis en Ourense que en Lugo. Na Coruña e en Pontevedra, a debacle será similar a das xerais.

Os inquéritos tamén apuntan á perda do poder por parte de Compostela Aberta (CA) e Ferrol en Común, aínda que no caso de CA sería menor a caída que pronostican La Voz e CIS e poderíase situar como segunda forza e preto do PSOE en porcentaxe de voto. No que non hai unanimidade é no resultado da Marea Atlántica xa que algúns inquéritos apuntan a un empacte tecnico entre as tres principais formacións. Por iso, desde as mareas, tanto en Santiago coma na Coruña, confían no tramo final da campaña para mobilizar aos electores e dar volta aos resultados.

BNG, MAREAS E Cs

O BNG experimenta un incremento na intención de voto, pero os inquéritos que manexan no PP e no PSOE non lle dan presenza en Vigo.  O BNG subiría na Coruña e en Compostela en porcentaxe de votos, aínda que no caso da capital galega non lle daría para o terceiro edil.

De feito, o BNG competiría directamente coas novas mareas municipalistas afíns a Luís Villares que lle poderían restar apoios en Ourense, en Pontevedra e en Ferrol.  En Pontevedra a maioría de Lores é indiscutible pero as sondaxes non recollen unha maioría absoluta e en Ferrol mesmo podería perder apoios a costa de Marea de Ferrol.  Tamén en Ourense bailaría o seu concelleiro co de Ourense Millor, ao igual que en Lugo, cuxo terceiro edil estaría en competición directa con Lugonovo.

No que coinciden todas as sondaxes é na suba de votos de Ciudadanos que podería aumentar a súa presenza nas cidades nas que xa está presente e entrar no resto das urbes galegas con, alomenos, un edil. Vox manteriase forte na Coruña e Ferrol pero con poucas posibilidades de conseguir acta.

VALORACIÓNS

Tanto os populares coma as mareas están convencidos de que nesta campaña electoral poderán darlle a volta "en parte" a estes datos. Coinciden en que os inquéritos diarios que fai La Voz están favorecendo principalmente aos socialistas e, en menor medida, ao BNG.  Uns datos, din, "que axudan a crear estados de opinión" entre os indecisos. No lado socialista, din que hai casos chamativos, como o de Ferrol, onde "se favorece claramente ao PP" ou Lugo, "onde se favorece ao BNG".

Algúns partidos lembran, ademais, os grandes erros das enquisas das pasadas andaluzas, onde o voto oculto xogou en contra do PSOE, dándolle a volta a todos os inquéritos que non vaticinaron unha caída tan importante dos socialistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 A por todas

Non en realidade non e a xente está moi contenta cos de marea de Iu e Podemos que non fixeron nada pero bueno, seguro que lles votan igual de novo xa veredes ánimo e non perdades a ilusión que a esperanza é o último que se perde

1 eusi

Baixar a débeda monstuosa que deixou a PPodremia non é facer nada? Compor uns concellos que deixaron os PPodres como se foran a casa da Pacheca, foi non facer nada? Impedir que non se fagan lingotes para beneficio propio co roubado, foi non facer nada? Pode que as Mareas non fixeran moito, pero polo menos nos desfán nin rouban, coma outros partidos a piques de desapareceren

1 Un que sabe

É demencial a manipulación de La Voz para beneficiar a pepeiros e bloqueiros. Resulta que soben a Ciudadanos en Ferrol para que lle dea o goberno co PP e baixano en Lugo a favor do Bloque para meterlle a cuña nacionalista ao PSOE. Supoño que o rei de Sabón quererá logo cobrar bos e suculentos cartos do BNG como xa fixo no bipartito ata que logo de cobrar ben, decidiu sacrificar a Quintana e ao nacionalismo en beneficio de Feijóo. O que pasa que os do Benejá non queren lembrar este triste episodio, non vaia a ser que don Santiago se enfade con esa moza que lidera o Bloque. E xa veredes como repetirán erros pasados; deixarse manipular para logo ser botados aos leóns.