A busca de beneficios das farmacéuticas deixa baleiras as farmacias galegas

A falta de subministración dalgúns medicamentos obriga aos usuarios a buscar en diferentes farmacias, dentro ou fóra do seu lugar de residencia. Ese só é un inconveniente, porque hai máis. Durante un percorrido de varios días por diferentes farmacias, foi imposible dar cun medicamento concreto. Preguntamos aos e ás farmacéuticas os motivos desta falta.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As farmacéuticas teñen as patentes dos medicamentos durante un período de dez a quince anos, isto tamén depende da lexislación de cada país nalgúns casos. Pasado ese tempo, o laboratorio que descubriu e comercializou primeiro un determinado medicamento deixa de ter a exclusividade aos dez anos, aínda que pode solicitar unha prórroga de dous máis. A teoría detrás deste período de exclusividade  está en que a empresa fabricante quere ter beneficios logo de investir tempo e diñeiro en investigación. A partir de aí, o mercado e a capacidade de competitividade serán os parámetros que fagan máis ou menos rendible a produción do composto químico.

Farmacia
Farmacia | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

A rendibilidade convértese entón nun dos barómetros que incidirá se compensa ou non fornecer farmacias cunha determinada molécula, agora baixo o nome dunha marca comercial. Se non é así, poderase dar o caso de que a empresa implicada deixe de fabricar a menciña ou, como unha medida case de presión, os laboratorios deixarán se subministrar a un mercado concreto, porque noutros lugares do mundo o seu composto multiplica por unha marxe moi ampla os beneficios que poden tirar.

PERCORRIDO

Comezamos un percorrido por distintas farmacias da área sanitaria de Compostela. O noso obxectivo é mercar, baixo receita, un composto químico para combater a ansiedade e estados depresivos. Coma sempre, imos á nosa farmacia de referencia. Nada máis entramos a farmacéutica xa nolo di directamente: “Temos malas novas, nin o alprazolán nin o bupropión das marcas  que levades están dispoñibles. Ademais non especifican a data de retorno”. Preguntamos que é a data de retorno “cando se estima que poden volver subministrar o medicamento ás farmacias”.

Ese mesmo día imos a dúas farmacias máis dentro da cidade de Compostela. Dentro da primeira o farmacéutico responde que “non hai desde hai varios días” mentres mira o rexistro no ordenador. “Non, non temos, pero é que ademais non hai en ningún lugar, quero dicir que non os teñen os distribuidores”. Recoméndannos seguir buscando por se pode haber noutro lugar. Iso facemos. Segunda parada e a resposta é a mesma, non hai e tampouco serven os xenéricos. Primeira noticia que había xenéricos. E por que non os serven? “Hai máis de 500 medicamentos que non se distribúen desde hai tempo”. Preguntamos cal é o motivo, “non sabemos, só que deixan de enviar e nada máis”.

Fóra de Compostela as noticias non son mellores. “Tíñalos apartados? Se chamaches con tempo podíamos terchos apartado e viñas xa por eles, pero se che digo a verdade, só temos unha caixa e xa está apartada desde hai días”.  A auxiliar de farmacia e a farmacéutica buscan tamén no seu rexistro informático “tampouco están dispoñibles os xenéricos”. Preguntamos tamén se saben cales son os motivos da falta dos dous produtos. “Non sabemos, deixan de enviar e normalmente hai xenéricos pero neste caso nin siquera iso”.

Chegamos á última farmacia que visitamos. Pedimos os dous medicamentos. “Non, non temos, nin xenéricos”. Preguntamos os motivos. “Non sabemos, ademais, nos dous casos as patentes están liberadas, pero non hai. O máis seguro é que as empresas estean vendendo fóra de España estes medicamentos, en Europa valen tres ou catro veces máis, así que envían para alá o que fabrican. Tamén pode ser que haxa un ou dous laboratorios que traballen estas fórmulas e teñan problemas para enviar ou fabricar, non se sabe”.

SOLUCIÓNS?

A recomendación de todas as farmacias consultadas foi pedir cita co médico de cabeceira para buscar un medicamento similar. Concertada a cita, faise un cambio de medicamento sen retirar os que buscabamos. A cuestión é que as fórmulas das novas menciñas por seren distintas deben subministrarse en doses diferentes, por tanto hai que reprogramar os horarios das doses. Preguntamos cal é a causa da falta dos compostos farmacéuticos e a resposta dos facultativos é que “mira, os laboratorios pensan en facer cartos e o máis seguro é que estean vendendo estes produtos fóra de España por un prezo máis elevado”. Primeira solución tomada, cambiar o medicamento.

A outra solución podería ser que as autoridades públicas, autonómicas ou estatais asumisen a fabricación dos mesmos produtos? “Teoricamente é posible, non habería problema, nalgún momento tamén se falara de que as universidades ou laboratorios militares fabricasen medicamentos” dinos un farmacéutico que non quere dar o seu nome. “O estado pode tomar a iniciativa de fabricar medicamentos, mais leva tempo ademais dos investimentos en infraestruturas”. Con todo, “hai cousas a maiores como son unha industria de por medio, uns postos de traballo e por tanto non é tan simple de abordar”.  Outras fontes consultadas din que “primeiro o estado tería que preguntar por que debería fabricar eses medicamentos, pois os produtos que faltan dentro do mercado non son os máis doados de fabricar”. Por tanto, máis encarecemento nos custes de produción farmacéutica.

A cuestión é que detrás do desabastecemento hai varias causas e a máis poderosa é a económica. Se o beneficio que lle poden tirar os laboratorios a un medicamento en España pode multiplicarse por dous, tres ou máis fóra, a produción irá satisfacer o mercado foráneo. Por outra banda, o estado podería asumir a fabricación deses produtos, mais cun custe elevado que ás veces non compensaría a manufactura, por tanto é mellor mercalos.  De momento non hai datas de solución para varios compostos médicos. Algúns datos apuntan que esta escaseza de remedios xa ven de tempo atrás e que se foi incrementando nos últimos tempos. O recomendable é pedir outra solución farmacolóxica aos médicos de cabeceira ou especialistas.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 tararítarará

Conclusión: en España nos hemos pasado con los genéricos y el ahorro farmacéutico. Las medicinas son demasiado baratas y los laboratorios son empresas, con empleados que no quieren echar, y accionistas que no están por la labor de perder beneficios.

1 Gamela

remataremos tomando infusións de menta... e estaremos máis sans que con toda esa "merda" que nos metemos para sobrevivir ao sistema capitalista que levamos dentro !!! E que tal se deixamos de ir ao médico e damos un paseo polo monte...?