Os asesores políticos e as súas funcións, quen son e que fan?

A asesoría política está vista como un elemento crucial dentro das campañas políticas. Mais non acaba aí o seu papel. Hai casos que as persoas deses equipos poden ser nomeadas persoal de confianza para algunhas áreas específicas cando o partido para o que traballaron pode formar goberno. Ás veces estas figuras poden ter na súa man solucións efectivas ou os erros máis ruidosos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A figura de moda entre o mundo da “asesoría” e Iván Redondo. Un home que hai algo máis dun ano prognosticaba a moción de censura a Rajoy. Chegara ao equipo de Pedro Sánchez logo de ter traballado sobre todo para figuras do PP como Xavier García Albiol, José Antonio Monago ex-presidente extremeño e o político do PP vasco Antonio Basagoiti. Agora é director de gabinete da Presidencia do Goberno mediante real decreto de 8 de xuño de 2018.

Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas
Europarlamento, o Parlamento Europeo en Bruxelas

Certo é que un posto deste tipo é tan provisorio ou máis que o dun político no seu cargo de presidente, ministro, conselleiro ou en calquera outra administración. Non obstante, a súa figura é moitas veces clave no desenvolvemento dos programas políticos así como para as estratexias e tácticas do partido gobernante. Tamen é certo que logo do período en que traballaron para unha determinada administración, é moi probable que a súa figura quede “marcada” dalgunha maneira e, nalgúns casos, lles sexa difícil continuar dentro da súa área ou volver aos postos de traballo que ocupaban con anterioridade.

QUE É?

Academicamente son persoas formadas en diveros ámbitos como economía, ciencias políticas, medios, oratoria, dereito, medio ambiente etc. “O traballo que desenvolvemos os políticos por dicilo dalgunha maneira, que estamos en primeira liña, é o que máis se ve, mais realmente temos o traballo detrás dos asesores” di Julio Torrado, parlamentario polo PSdeG. “Chámanlles asesores mais son perfís moi distintos, xente experta en economía, cuestións xurídicas ou que coñece moi ben a administración”.

As tarefas que desenvolven detrás dos políticos, neste caso do Parlamento Galego, é “buscar información, datos, relacionar uns temas con outros e mesmo descifrar documentos que pola súa complexidade non é fácil” comenta Torrado. “Eu son o voceiro do PSdeG no Parlmento sobre Sanidade, o orzamento anual de Sanidade está sobre os 4.000 millóns de euros, se hai unha consellería enteira que controla e dirixe ese diñeiro e só eu teño a responsabilidade de fiscalizalo vía parlamentaria, hai un desequilibrio de capacitacións, son imprescindibles senón é imposible facer un traballo mínimo de calidade”.

SELECCIÓN

As acusacións de nepotismo ou “dedazos” son moi frecuentes cada vez que alguén fala de asesores e asesoras. Certamente, tal e como di un asesor do Parlamento que non quere dar o seu nome “son xente que gañou a confianza dunha persoa dentro dun partido e esa persoa ten peso abondo para poder nomear a quen considera da súa máxima confianza”. As vías para entrar dentro dun equipo son moitas, mais normalmente é ter unha boa lista de contactos dentro dos movementos políticos cos que esa persoa poda ter afinidade. Como di o mesmo asesor “é saber venderse, gañar a confianza da persoa ou persoas coas que queres traballar”.

“Son traballos que o grupo decide en función das súas necesidades, unhas persoas permanecen moitos anos, outras van cambiando porque son chamadas doutros lugares ou son fichadas porque son boas” di Torrado, que tamén engade “son persoas co pefil que buscas e as necesidades que tes e ás veces con boa relación con xente do partido ou do grupo parlamentario”. Así e todo, existe o filtro ideolóxico? “Sorprederíame moito que as persoas que asesores un partido non o voten, eu non o considero obrigatorio, o xefe de gabinete de Pedro Sánchez, Iván Redondo foi xefe de gabinete de gobernos autonómicos do PP, é imposible que vote á vez PP e PSOE, ou ao mellor vota a outro”. “Cando chegas ao grupo inflúe tamén a capacidade que tés de recibir información doutra xente que colaborou noutros espazos, non obstante é máis fácil se hai unha sintonía política”.

A especificidade ou exclusividade dun ou dunha asesora para un ou unha única política, non existe, estarían todos e todas traballando para o grupo parlamentario ou político, iso na teoría. Con todo, apúntase a exclusividade dalgúns para unha determinada figura dentro dun partido, como poden ser alcaldes, presidentes de deputación, xente con peso dentro dun partido político.

O número de asesores pode estar limitado por lei. Tamén en base aos orzamentos dos que dispoña un partido ou unha administración. En todo caso, sendo moitas veces persoal de confianza, nalgún sentido ata o de agora o seu nomeamento era case ilimitado nalgunhas administracións, aínda estando estipulado por lei o número de persoas que se poderían contratar. No caso da administración do Estado e na maioría das autonómicas son contratados e contratadas como persoal eventual.

Hai correntes dentro das administracións públicas que piden a entrada de asesores mediante oposicións e non por libre designación. Non obstante, as premisas para contar con este tipo de persoas nos equipos de goberno é poder facilitar a comunicación e o desenvolvemento dun determinado programa electoral. Aínda así, este tipo de traballadores e traballadoras non deixan de ter a polémica arredor deles e delas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A transparencia debera ser norma e non excepción no caso dos asistentes aos cargos políticos, nesto coma en moitas outras cousas o Parlamento Europeo vai por diante, coma se pode comprobar no caso de Lidia Senra http://www.europarl.europa.eu/meps/...+LIDIA_SENRA+RODRIGUEZ/assistants#mep-card-content Pero sen dúbida o caso Iván Redondo merece un dossier completo para comprender cales foron as súas HABILIDADES á hora de ser contratado polo PSOE !!!