En Marea súmase ao manifesto que promove A Mesa para defender a pluralidade lingüística en España

O partido instrumental adhírese ao manifesto que promove A Mesa para defender os dereitos das linguas cooficiais do Estado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

En Marea e A Mesa pola Normalización Lingüística reclamaron a "implicación" das administracións para promover o uso do galego en sociedade, entre a que existe "receptividade" cara á lingua propia de Galicia pero necesita que desde as institucións se cree "unha contorna amable para o galego".

Luís Villares e Mónica Pazos
Luís Villares e Mónica Pazos | Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística.

O portavoz do partido instrumental, Luís Villares, reuniuse coa vicepresidenta da Mesa, Mónica Pazos, tras oficializar a adhesión de En Marea ao manifesto que promove a entidade en defensa da pluralidade lingüística no Estado español, unha iniciativa á que xa se sumaron "máis de 1.350 persoas".

"Só desde posicións de odio, favorables á discriminación e contrarias ao pluralismo se pode defender a situación actual", aseverou Pazos, que remarcou que en España non se respecta o "pluringüismo" que caracteriza a un Estado no que "o 45% da poboación" vive en territorios nos que se falan dúas linguas.

Así, cualificou de "anecdótica" a presenza do galego en ámbitos como os medios de comunicación, o acceso á administración ou trámites bancarios. "O incumprimento da Carta Europea das linguas é flagrante", lamentou Pazos, que incidiu en que a equiparación entre as linguas cooficiais co español debe lograrse por razóns "democráticas".

Para iso, A Mesa promove un manifesto en colaboración con outras entidades como Kontseilua (País Vasco), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Acció Cultural do País Valenciá (Valencia), Obra Cultural Balear (Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias).

Agora, En Marea súmase ao texto, que pretende fomentar a igualdade lingüística no Estado español e reverter a tendencia histórica de "beneficiar o castelán", unha tarefa para a que tanto o partido de Villares como A Mesa solicitan a "implicación" das adminstracións, especialmente a Xunta de Galicia, á que instan a derrogar o decreto do plurilingüismo na educación.

Villares puxo como exemplo da "discriminación" á que se ve sometida o galego o feito de que o citado decreto prohiba impartir as matemáticas e o resto de materias científicas en lingua galega, o que constitúe "unha anomalía democrática" e envía a mensaxe de que o galego ten "menor prestixio" que o castelán e debe verse relegada ao ámbito exclusivo "das letras".

"É necesario garantir unha contorna institucional amable para o galego, que se atopa en claro retroceso porque non existe unha contorna que o coide. Por iso queremos apoiar este manifesto e levalo a todas as institucións nas que temos responsabilidades de goberno", remarcou.

En plena campaña e ante a celebración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio, Luís Villares e os representantes da Mesa chamaron a participar nas mobilizacións convocadas o vindeiro venres en 12 puntos da xeografía galega en defensa da lingua galega.

Ademais, afirmou que En Marea se compromete a trasladar o manifesto en favor das linguas cooficiais "a todas as mareas municipalistas" para que sexa aplicado de maneira "trasversal" nas políticas que apliquen os concellos a partir do próximo 26 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Realpolitik

Villares, os galegos temos a obriga de saber español pero só o dereito de saber o galego. A túa sacrosanta constitución impón o supremacismo lingüístico do español pero ti falas de defender o galego... Así vos vai. Inmersión en galego, derogación da Lomce e galego vehicular si ou si nas escolas e universidades galegas. E requisito irrevocable pra praza pública. Deixémonos de misas e máis feitos!