A CIG recorre o sobreseemento de dúas causas penais por un accidente mortal nunha auxiliar de Navantia en 2015

"Existe unha dobre moralidade na nosa sociedade respecto a todo o relacionado co traballo e coa empresa, coa sobreproteción dos intereses empresariais en detrimento dos dereitos dos traballadores", denuncia o sindicato nacionalista.

Por E.P. | Ferrol | 14/05/2019 | Actualizada ás 23:06

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol decidiu o sobresemento das causas penais por un accidente mortal acontecido o 24 de marzo de 2015 nas instalacións de Navantia Ferrol, na sección de carenas, a consecuencia do cal faleceu un empregado da industria auxiliar que respondía ás iniciais A.A.P., de 58 anos, e pertencente á Cooperativa Iris.

O home faleceu cando estaba realizando traballos de traslados dunha peza cara ao interior do buque 'Monforte de Lemos', da naviera Fernández Tapias, que estaba a ser obxecto dunha profunda reforma na división de reparacións do estaleiro ferrolán.

A Federación de Industria da CIG, a través dun comunicado, mostrou o seu "total desacordo con esta decisión xudicial", polo que anuncian "a presentación do correspondente recurso". Incide en que esta é "a segunda vez que este xulgado de instrución propón o arquivo da causa, sendo revogado na anterior ocasión pola Audiencia Provincial a instancias do recurso presentado entre outros pola CIG".

E é que a organización sindical asegura que este novo sobresemento prodúcese a pesar de existir "un informe da Inspección de Traballo e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) que cualificaban o acontecido como unha infracción moi grave das normas de prevención".

DOBRE MORAL

"Existe unha dobre moralidade na nosa sociedade respecto a todo o relacionado co traballo e coa empresa, coa sobreproteción dos intereses empresariais en detrimento dos dereitos dos traballadores", denuncia o sindicato nacionalista, que critica que se nega "a transcendencia penal ao feito de morrer no posto de traballo e por causa da ausencia de medidas preventivas".

Asegura a CIG que resolucións deste tipo "provocan indefensión e transmiten á sociedade a idea de que os accidentes son fatalidades sen culpa atribuíble a ninguén, cando non directamente ao propio traballador". Por último, conclúe que a inexistencia de responsables "é unha auténtica patada aos dereitos dos traballadores, a comezar polo primeiro e máis importante dos dereitos á vida".

Navantia Ferrol. NAVANTIA - Arquivo
Navantia Ferrol. NAVANTIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta