Este é o mapa das enfermidades dos cefalópodos de todo o mundo

O atlas, publicado polo CSIC en colaboración con Anfaco-Cecopesca e a Consellería do Mar, diríxese a industrias pesqueiras e conserveiras, así como a organismos encargados da xestión sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O CSIC, en colaboración con Anfaco-Cecopesca e a Consellería do Mar, publicou un atlas chamado 'Handbook of Pathogens and Diseases in Cephalopods' que recolle información sobre como recoñecer e tratar enfermidades e patóxenos nos cefalópodos en todo o mundo.

O CSIC publica un atlas sobre patóxenos e enfermidades dos cefalópodos de todo o mundo
O CSIC publica un atlas sobre patóxenos e enfermidades dos cefalópodos de todo o mundo | Fonte: Europa Press

Na presentación do libro, celebrada este mércores na sede do CSIC en Santiago, estiveron presentes o investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IMM) do CSIC e editor do atlas, Anxo Guerra; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e editor da publicación, Juan Manuel Vieites; a tamén editora, Camino Gestal; así como a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

"Este atlas escribiuse porque, desde 1990, as investigacións sobre este tema foran bastante dispersas e estaban escritas en idiomas moi diferentes", explicou Guerra, que precisou que a publicación, a cargo da editorial Springers, conta con cinco editores: Anxo Guerra, Camino Gestal, Juan Manuel Vieites, Graciano Fiorito e Santiago Pascual.

O inicio deste proxecto, tal e como explicou o representante dos editores do libro, permitírono Camino Gestal e Graciano Fiorito, dous dos editores, cando "traballaron nun proxecto do 2014 ao 2017 da Unión Europea sobre o benestar animal". "Ambos xestaron a idea e, no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, un grupo de investigadores puxéronse a redactar un índice e a contactar con ata 40 especialistas de 12 nacións de tres continentes distintos", revelou Guerra ao explicar este proceso.

Para mellorar a comprensión de calquera tipo de lector, segundo apuntou Guerra, "contén dous capítulos dedicados a que as persoas que abran un cefalópodo por primeira vez saiban onde está cada órgano e como é na súa versión sa". Do mesmo xeito, Anxo Guerra explicou que esta publicación se dirixe ás industrias conserveiras e pesqueiras, así como tamén "pode ser útil" para os veterinarios e para os organismos autonómicos e estatais encargados da xestión sanitaria dos organismos.

Así mesmo, a colaboración con Anfaco-Cecopesca chegou por mor da necesidade dunha edición dixital do atlas, algo para o que o CSIC non tiña medios en por si. E foi precisamente desde Anfaco desde onde se contactou coa Consellería do Mar da Xunta para crear "unha simbiose".

MÁIS DE 4.000 TONELADAS VENDIDAS EN 2018

A conselleira Rosa Quintana, pola súa banda, valorou esta colaboración público-privada e aproveitou para lembrar que, en Galicia, o ano 2018 "pechouse con 4.400 toneladas de cefalópodos vendidos nas lonxas, o que supón unha facturación de case 30 millóns de euros".

Por último, Camino Gestal realizou unha breve intervención para explicar a relación entre a publicación deste libro e un posible avance na investigación que se están desenvolvendo en Vigo sobre o cultivo do polbo: "Nos cefalópodos, é moi importante saber o efecto de posibles patóxenos que poden estragar ou, directamente, matar o cultivo".

"Este é un primeiro manual que permite identificar e saber como atallar o problema tanto nun cultivo como nunha pesqueira", aclarou Gestal, quen tamén aclarou que salvo no caso do anisakis, "os parasitos non supoñen un risco se son consumidos polos humanos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta